MANUEL MURGUÍA

Rosalía de Castro vista por Manuel Murguía (edición e notas: Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, prólogo: Xesús Alonso Montero)

Galaxia, Vigo, 380 páxinas, 22 €, 2023

Cando falo da periodización da nosa historia literaria máis recente e para que se entenda que o noso é un sistema literario que se recupera hai relativamente pouco tempo adoito contar ao meu alumnado unha historia que non é ficción: un magnífico profesor de bioloxía en bacharelato que me tocou en sorte, Azpeitia, confesounos que un dos primeiros recordos que gravara na súa memoria era a conversa breve que seu pai mantivera nunha rúa da Coruña cun señor de escasa altura e un chapeu fungo na cabeza e que non era outro que Manuel Murguía. Atesourou sempre aquela evocación, quen sabe a razón. Pola miña parte non a esquecín pasados xa moitos anos.

Anécdotas á parte, o certo é que Manuel Murguía falecía en febreiro de 1923 na súa casa da rúa de San Agustín da Coruña e transitamos, pois, polo ano do centenario do falecemento de quen foi o primeiro presidente da Real Academia Galega. Moi oportunamente acaba de publicarse un valioso ensaio baixo o título de Rosalía de Castro vista por Manuel Murguía que a rosalióloga, ensaísta, profesora e investigadora Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda (1961-2018) deixou anotado e disposto para a súa publicación malia non gozar de tempo para preparar a súa preceptiva introdución. O orixinal ve a luz grazas ao celo de Xesús Alonso Montero, responsable dun breve prólogo, dos criterios de edición e de incluír acaidamente, nun apéndice, dous textos da investigadora xa publicados que se vinculan de maneira natural co corpus textual aquí rescatado.

Esta é, a meu entender, unha colectánea valiosa que recupera, non é difícil imaxinar que pacientemente e tras moitos anos de traballo, aqueles textos nos que Murguía se refire a Rosalía de Castro. A recompiladora ofrécenos, así pois, desde prosas que se sitúan no ámbito epistolar a outras conservadas en diversos arquivos e hemerotecas mais, sobre todo, exhuma numerosos artigos publicados en diversos boletíns, revistas e xornais. É certo que Murguía fala pouco, moi pouco, dos aspectos biográficos de Rosalía seguindo a súa tan cuestionable e dolorosa máxima de que “La mujer debe ser sin hechos y sin biografía” e, polo contrario, escribe bastante sobre a súa obra literaria: véxanse as páxinas que lle dedica no seu Diccionario de escritores gallegos (1862), o capítulo de Los Precursores (1885) ou mesmo o prólogo que insire nas Obras Completas (1909), textos todos eles aquí recollidos.

O libro inclúe, ademais, diversos artigos do historiador en que recrea evocacións e conversas que mantivo con Rosalía e outros, en absoluto exentos de interese, como a serie de colaboracións publicadas nas páxinas deste mesmo xornal baixo o título de “Cuentas ajustadas, medio cobradas”, en 1896, nas que reacciona con virulencia diante dun discurso de Emilia Pardo Bazán sobre Rosalía. Entre outras moitas reflexións do impulsor do Rexurdimento recóllense tamén, por exemplo, a súa opinión contraria á adquisición da Casa da Matanza, a ameaza de emprender accións legais contra o seu curmán José de la Hermida Castro polo intento de publicación dunhas cartas de Rosalía ou a molestia reiterada polo uso de fotografías ou poemas da autora sen solicitar autorización.

Teño para min que esta achega tan estimable de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda contribúe, de maneira destacada, a celebrar a memoria de Manuel Murguía e, sobre todo, a saber máis sobre os condicionantes e a realidade da súa visión de Rosalía de Castro.

Esta recensión viu a luz nas páxina de Cultura de La Voz de Galicia, o 21 de agosto de 2023.