Nun día coma o de hoxe é imposible non pensar en Castelao e mais tamén neste ano que atravesamos de maneira que traemos á memoria o seu legado, con forzas renovadas, neste seu 75º cabodano.
Neste sentido, talvez sexa oportuno rescatar, con brevidade, tres publicacións cuxo principal protagonista é Castelao e que cadraron nestes últimos meses nas librarías. A primeira delas é un volume-catálogo que recupera exposición temporal titulada Castelao: a derradeira lección do mestre e que acolleu o Museo Provincial de Lugo hai quince anos, comisariada con brillantez pola profesora María Pilar García Negro e polo arqueólogo Felipe Senén. Daquela foron por volta de duascentas pezas as expostas entre gravados, óleos, obxectos persoais, libros, etc., constituíndo, por certo, unhas das exposicións temporais máis visitadas no Museo na súa xa dilatada historia. Deste xeito, nunha loable iniciativa, a Deputación de Lugo reimprime este catálogo que, xa no momento da súa edición orixinal como agora, é unha das achegas visuais, formativas e informativas máis completas das que viron a luz nos últimos anos. Velaí, así pois, diversas reflexións sobre a arte gráfica de Castelao, das que se responsabiliza Miguel Anxo Seixas Seoane, mentres que Mª Pilar García Negro escribe sobre os álbumes de guerra; Felipe Senén faino sobre arte e compromiso galego alén de incorporar outras colaboracións, máis breves e complementarias mais igualmente relevantes, a cargo de Aurelia Balseiro, Francisco Rodríguez, Xosé Carlos Valle, Manuel Rei Romeu, Xoán Carlos Garrido Couceiro e Lois Diéguez, que prologan a reprodución, teño para min que cunha magnifica calidade, do abondoso material que se expuxo en 2010. Un acerto contar este ano con esta reimpresión tan precisa e fermosa. Un acerto, claro é, esta iniciativa.
En segundo lugar, cómpre non esquecer Sempre en Galiza. Escolma posible: un volume que acolle a colección “Biblioteca 75 anos” da Editorial Galaxia e que, nesta ocasión, vén inspirada na escolma posible de Marino Dónega que publicou Galaxia en 1964. Esta edición, así pois, afonda no pensamento político do rianxeiro que, nas datas da edición orixinal por mor da celebración do Día das Letras dedicado a Castelao, a censura imposibilitaría reproducir o que probablemente Dónega e a editorial desexarían incluír.
Neste caso, o obxecto de escolma céntrase no volume Sempre en Galiza, nunha edición realizada por Henrique Monteagudo, director da Cátedra Institucional Castelao da USC, que consegue, ao meu ver, ofrecer un texto que posibilita o acceso á doutrina política e ás opinións de Castelao para un público amplo. Alén disto, o libro enriquécese cun ensaio a cargo do profesor Xosé Manuel Dasilva centrado no reto de editar a Castelao no franquismo ao fío da Escolma posible que preparara Marino Dónega. Por último, quixera destacar a inclusión no apéndice do libro dun texto verdadeiramente conmovedor como é o “Discurso na homenaxe por Sempre en Galiza” que Castelao pronunciou no Hotel Prince George´s de Buenos Aires, o 2 de xullo de 1944.
En terceiro lugar é de regra destacar unha achega que comeza a se distribuír nas librarías e plataformas virtuais como o é o título Novo diálogo. Achegas á obra plástica de Castelao, publicado por Carlos L. Bernárdez na editorial Laiovento. O profesor Bernárdez ofrece aquí, como homenaxe á obra plástica do rianxeiro, dous artigos que subliñan a transcendencia da súa obra, como el mesmo sinala, para a moderna arte galega. Agrupa, así pois, dous contributos como son os estudos “Dar forma á diferenza. A obra plástica de Castelao até a Guerra Civil” -orixinado nun texto para un catálogo do Museo do Gravado de Artes (Ribeira, 2024) e que tamén estaba na base dunha suxestiva e didáctica conferencia que impartiu sobre o tema no IES Castelao hai poucos meses- e “Novo diálogo. Exilio e negritude na obra de Castelao”: na súa orixe un relatorio que presentou no MARCO de Vigo este mesmo ano e algo modificado, loxicamente, para esta publicación. Ambos os dous textos dialogan coa súa obra plástica: un corpus que se reproduce tanto nas páxinas do seu primeiro artigo como nun amplo apéndice de imaxes incluído no epílogo deste valioso volume que, ademais de renderlle un tributo ao perfil artístico de Castelao, adapta unha linguaxe sinxela e directa, apta para toda clase de público.


