Alberto Pombo

Verso e acorde. Relacións entre literatura galega e música pop (1950-2000)

Xerais, Vigo, 272 páxinas, 20,95 €, 2024

Aparecido en abril deste mesmo ano, non quería deixar pasar a ocasión de incorporar a este blog unha referencia, creo que xustísima e merecida, a este libro do profesor e investigador Alberto Pombo que, baixo o título de Verso e acorde, revisa con tino as relacións entre literatura galega e música pop no período que vai desde 1950 ao 2000. Pombo é, asemade, un dos impulsores desa marabilla das marabillas que é Aquí tamén se fala!

É ben probable que os contidos deste libro sexan, aínda, máis relevantes para un ano como é o que vén onde a música e a literatura popular van estar no foco de atención mediático e social por mor dun Día das Letras esperanzador en moitos sentidos. Pombo adapta aquí a súa tese de doutoramento e faino, a meu ver, cun excelente criterio ao xerar un discurso fluído, evidentemente documentado e certeiramente contextualizado, onde repara nos diversos movementos musicais destes cincuenta anos e que resulta accesible para diversos públicos baixo a vontade confesada de “atender á influencia recíproca entre texto literario e musicalización do mesmo co intuito de testar a presumíbel influencia do repertorio musical no evoluír canónico da tradición literaria galega”. Velaquí, así pois, como se ilumina un camiño pouco transitado onde o autor atopa exemplos de literatura musicada en 209 álbums, alén doutros traballos en gravacións sen distribución comercial, que esmiuza nunha análise moi suxestiva en canto ás cancións que existen inspiradas en textos literarios, reparando nas persoas que as interpretan, en cales son os momento de maior intensidade na aparición desta música e, entre outros datos, quen son as voces máis demandadas e onde, tal e como sospeitabamos malia se tratar tan só dunha intuición, foi Celso Emilio Ferreiro o autor cun maior número de intepretacións e musicalizacións na segunda metade do século XX, a carón de Rosalía e Manuel María.

Alén diso un código QR remite a un arquivo onde se rexistra un traballo que é un galano como é o conxunto de literatura musicada tras a revisión da discografía que se publicou na segunda metade do século XX baixo a influencia da música pop, organizado en diversos anexos de inequívoco interese.

Só cómpre estenderlle os parabéns ao autor por este traballo pioneiro, preciso e extraordinamente útil.