Tras algunhas colaboracións en libros colectivos e un álbum infantil que viu a luz baixo o título de A boneca de cristal (Galaxia, 2021) Majo Villar Ferreiro publica arestora, na editorial Ir Indo, a súa primeira novela baixo o título de O mergullador das verbas.

É esta unha historia que, ao que parece, bebe da memoria persoal da autora e que, desde o territorio da ficción, nos conduce ás terras de Arcade e Soutomaior onde se reconstrúen as vivencias dun protagonista afectado polo comportamento da figura paterna, caracterizada pola súa crueldade e violencia e cuxas consecuencias se proxectan no presente. Ao mesmo tempo, tamén se realiza un deseño dunha atmosfera peculiar e senlleira dun tempo concreto e teño para min que retratada con moi bo pulso.

A presenza dos libros, a importancia da lectura e a asunción dunha férrea vontade de aprender operarán como factores desde os cales ese protagonista intentará reconstruírse, ademais de contar coa axuda de determinadas persoas da súa contorna familiar máis próxima e dunha muller que desempeñará un papel clave na trama onde se recrean felizmente asuntos de carácter universal como son o amor e mais a carraxe. Benvida, pois, esta voz ao panorama da nosa narrativa contemporánea.