No ano 1969 Fariña Jamardo afirmaba (no Dicionario da nova literatura galega, 2021) que posuía inéditos como eran, ademais d´O sorriso nos beizos que, en efecto, se editaría en outubro dese ano, “a comedia Xente fóra e o libro de poemas Coa ialma espida, e agora traballo na novela A feira“, ao que engadiría noutro ítem que “para unha próusima publicación teño as novelas Tiroliro a sete voces, finalista do ´Urriza` e Llamaron tres veces finalista do ´Elisenda de Moncada`”.

Alén dese posible inédito teatral citado arriba, e da súa abondosa obra ensaística vinculada co mundo do Dereito, valla esta introdución para informar da aparición dunha interesante novela que se reedita agora en Laiovento: Golfaróns de sangue. Publicada orixinalmente en Ediciós do Castro en 1989 reedítase agora con bo tino ao respectar o limiar de Benito Varela Jácome, alén de actualizarse desde o punto de vista lingüístico -cun vocabulario final que aclara o significado de termos que afortunadamente non foron corrixidos- e, ademais, incorpóranse unhas páxinas introdutorias de Xesús González Gómez que sitúa esta peza narrativa na traxectoria creativa de Fariña, recolle o escasísimo eco que suscitou a novela no seu día e estuda a súa presenza en análises críticas posteriores para achegarse, finalmente, tanto a temática recreada na novela -basicamente a narración da historia dunha familia chamada os Xeitoso no período que vai da guerra civil até os anos cincuenta-, como ás estratexias narrativas das que fai gala, á súa estrutura e á adscrición que fai da proposta entre a chamada novela popular co aquela, cando menos na intención, que se pode vincular co concepto de éxito de vendas.

Teño para min que é este Golfaróns de sangue abre a porta para botar unha nova e actual ollada ás achegas creativas e os valores que estas encerran -fundamentalmente na prosa- ideadas por un autor bastante esquecido na actualidade que, por certo, ocupou un papel relevante nos primeiros pasos do Parlamento de Galicia co cargo de Oficial Maior.