Incorpórase Manuel Blanco á tradición poética galega cun libro editado en Medulia Editorial baixo o título de Versos do té, nunha edición bilingüe galego-castelán. Abeirado ao orientalismo desde a cuberta, responsabilidade de Naír Fuentes, pasando polo seu título, en que alude a cerimonia xaponesa do té, o escritor de Ribas do Sil ofrece unha colectánea de poemas que, dalgún xeito, se pode abeirar aos haikus, malia que en puridade non o sexan ao non respectar nin seguir a métrica establecida voluntariamente. Neles repousa a preocupación polo amor -e o desamor-, polo transcorrer do tempo, polo retorno á infancia e mais por deixar o eco dun espírito reflexivo diante da existencia. Talvez sexan estes, e probablemente inspirados en parte en territorios vivenciais, os principais focos temáticos que polo tratamento se irmandan coa poesía de inspiración orientalista, chinesa e xaponesa, ao perseguir a depuración na captación sensorial, breve, dun pensamento ou dunha emoción. Benvido, Manuel Blanco.
Versos do té, de Manuel Blanco (LF)
poesia galega, literatura, orientalismo, resenha literária
Texto originalmente publicado em Caderno da Crítica (em galego)
