Esperanza L. Mariño Davila

Fíos de transparencia acesa. Narrativa, poesía e tradución en Xosé Manuel Beiras

Laiovento, Santiago, 240 páxinas, 19,95 €, 2025

“Non existe ninguén aínda en Galiza -e poucos casos haberá no mundo- cunha traxectoria tan longa e intensa na tradución (…), con máis de medio século en activo desde a alongada sombra da ditadura franquista, coa heroica intención de europeizar unha lingua prohibida (antano) ou minusvalorada política, xurídica e socialmente (hogano)”. Desculparase a cita tan longa coa que comezo estas liñas pero teño para min que recollen con exactitude a relevancia destas páxinas ensaísticas que subscribe a profesora Esperanza Mariño centradas na análise do labor de Beiras como tradutor (lémbrense, entre outros títulos que verteu ao galego, Os xustos (1985), Calígula (1992), Catro cartas a un amigo alemán e otros textos (2018) e A desfeita (2019) de Camus; Antígona (1967) de Anouilh, As moscas (2008) de Sartre ou Adolphe (2020) de B. Constant).

Mais este ensaio, importante ao meu ver entre os aparecidos nos últimos tempos, non só se achega á xeira tradutora de Beiras cun fino espírito crítico. Desvela e estuda, ademais, as moi temperás e suxestivas propostas narrativas e poéticas do autor encadradas na súa época adolescente e que viron a luz na revista Vamos; analiza con fondura a pegada francesa en Beiras e as súas estadías en París e achégase á súa afección ao teatro, alén de ofrecer unha contextualización da historia da tradución no noso país que serve para introducir as páxinas ás que aludín no primeiro parágrafo.

Resultaba imposible non recoñecer a importancia da figura de Xosé Manuel Beiras en tantas dimensións, e penso agora na liña de compromiso insubornable co seu país no ámbito docente, na oratoria, no ensaio ou na política. Con este libro testemúñase, documéntase a analízase ese perfil intelectual dono dunha vasta e dificilmente igualable cultura humanística. Parabéns pola iniciativa e parabéns polo resultado deste gran traballo.