A poucos días de rematar este ano décatome que este 2025 que está ás portas ten, para min, dúas datas para festexar. En 2010 botaba a andar este blog, inicialmente acollido en blogaliza e cinco anos despois en wordpress: velaquí polo tanto 15 anos de incorporación de contidos dixitais vinculados co exercicio da crítica e da divulgación literaria, aínda que non só. Foron, así pois, 15 anos nos que á forza se foi asentando unha identidade dixital persoal que tamén se espande noutras plataformas e suxeita sempre á independencia persoal, pois nunca contou este blog con apoios nin institucionais nin privados.

Outra celebración que quero deixar constancia aquí é a que abraza este ano vindeiro respecto do primeiro artigo de crítica literaria que asinei, en agosto do ano 1990, nas páxinas do xa desaparecido Diario 16 de Galicia. Desde a aquela a hoxe foron, en xornais e revistas, moitos os libros recensionados e os libros lidos, moitas tamén as páxinas escritas. Unha sorte e unha alegría chegar con toda esta bagaxe ao lombo, algo impensable cando comecei. Actividade que, como todo, nun prazo non moi afastado cumprirá poñer o ramo e comezar con outras cousas.

Grazas a todas as persoas que, aínda, vos seguides pasando por aquí.