Pedro P. Riobó

Tina e Xeró

Xerais, Vigo, 216 páxinas, 19,50 €, 2024

Incorpora Edicións Xerais, na súa colección Narrativa, un debut literario a cargo de Pedro P. Riobó que presenta a súa primeira novela titulada Tina e Xeró.

Velaquí un libro que adquire a forma de libro de memorias -infantís e xuvenís- de corte máis ou menos clásico na medida en que a voz narrativa recupera acontecementos vividos -hai case cincuenta anos- cando esperta á adolescencia e onde resultan cruciais elementos como o territorio: unha vila mariñeira próxima ao Burato do Inferno e á illa de Ons (denominado, respectivamente Boca do Inferno e  Illa dos Ratos), probablemente Bueu aínda que nunca denominada así. A este elemento cómpre engadirlle o protagonismo xuvenil -Xeró, quen actúa como voz narrativa e Tina-; a descrición plástica do ámbito doméstico máis próximo aos dous -con certo clasismo latente pois el é fillo de médica e ela filla de taberneiro- ou o espertar sexual confirmado nos cambios corporais de ambos os dous, alén do devezo de aventuras vinculadas coa Illa e coa vontade de destruír un arsenal de armas que se agocha alí da man dun poderoso conserveiro da vila.

Na novela latexa certo sentimento de atracción entre os protagonistas mais nunca chega a se materializar en nada. Esa relación é a que explica a necesidade de viviren aventuras ao longo dun verán e, entre elas, a máis salientable é a do intento de facer desaparecer un arsenal de armas, como se dixo. Tras a resolución do conflito amósase unha conclusión un tanto abrupta que talvez se explique ao se tratar dunha triloxía.

Unha proposta que cómpre saudar e que transita polos eidos da novela de formación e aventuras da man dun protagonismo xuvenil -en xeral bastante verosímil agás algún elemento un tanto sorpredente- e onde salienta a axilidade no ton descritivo dos espazos retratados e un dominio moi salientable de todo o que ten que ver coa navegación de baixura -tanto a bordo dunha dorna como doutro tipo de embarcacións- ou mesmo coa denominada “escrita da marca” que se empregaba para o narcotráfico e o contrabando.