María Reimóndez
Retorno
Xerais, Vigo, 224 páxinas, 18,95 €, 2024
As obras literarias de María Reimóndez poderán ser do agrado, ou non, dalgunhas persoas. Algunhas gostarán máis das escollas temáticas polas que opta; outras a coidada arquitectura das súas obras e aínda tamén haberá quen xulgue ou priorice o que as súas achegas literarias amosan ao suxerir outra maneira de ver o mundo. Teño para min que non son frecuentes as voces que ofrecen un percorrido bibliográfico tan plural e poliédrico coma o seu, tan dilatado nun breve período de tempo; igualmente, non deixou nunca de me sorprender a capacidade da autora para deseñar proxectos literarios a longo prazo e, ademais, perfectamente aquilatados como testemuñan, por unha banda, as novelas do “Ciclo dos Elementos”: En vías de extinción (2012), Dende o conflito (2014), Premio Xerais de Novela, A música dos seres vivos (2015), As cousas que non queremos oír (2017) e As estacións do lobo (2019); e, por outra banda a “Triloxía dos Seres Completos” composta por Cobiza (2021), I Premio Literario Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero e traducida ao castelán en 2022, Multitudes (2023) e, hai poucas datas Retorno (2024).
Esta proposta que arriba sinalo, así pois, pecha un ciclo pioneiro que se centra na ciencia ficción en galego e que, alén de posuír unha inequívoca ollada feminista, son moitas as cuestións que recrea, incorporando elementos das anteriores novelas e asomándose, desde unha visión distópica que xorde de analizar o impacto do capitalismo nas nosas vidas, a cuestións vinculadas coa filosofía, o pensamento crítico, o veganismo, o clasismo, o ecoloxismo, a relixión, as tecnoloxías, o emprego dos corpos das mulleres ou a diglosia por só sinalar algúns asuntos para disparar á cerna de moitos estereotipos aínda vixentes ofrecendo, como é un trazo común na súa obra, visións alternativas e, ao mesmo tempo, facéndoo con solvencia desde un punto de vista da construción de espazos e atmosferas e, xaora, do deseño de todo tipo de personaxes que pululan nesta e nas anteriores obras.
Un proxecto que chega, así, ao seu final e que desde aquí era de regra saudar e agradecer.
