Ao fío do incontestable éxito que supuxeron dúas publicacións dos mesmos autores baixo os títulos de Atlas da Galicia pequeniña e Historia da Galicia pequeniña chega o presente As letras da Galicia pequeniña que entendo como todo un acerto, desde a perspectiva da divulgación, tanto para esa franxa lectora á que xa se lle pode -e debe talvez- instruír desde o rigor e a amenidade como para outros posibles públicos, e penso loxicamente no ámbito docente.
Neste caso, cunha visión ampla que procura os puntos de confluencia entre lingua e literatura, ponse o foco nunha escolla meditada deses elementos cun criterio afastado de tecnicismos e dominado pola proximidade, a claridade e o divertimento, sen esquecer aplicar un tratamento visual atractivo que incorpore para algúns contidos un deseño propio do xénero da banda deseñada. Pódese acceder a un extracto do libro premendo aquí.
