Fran Alonso

Véndoche un poema

Xerais, Vigo, 144 páxinas, 13,50 €, 2025

Se me preguntasen polo trazo máis salientable das propostas literarias de Fran Alonso probablemente respondería que o da transgresión, presente xa desde aquel afastado Persianas, pedramol e outros nervios, publicado nos anos noventa do pasado século.

Velaquí, así pois, outro tento, outra abordaxe poética dominada por un espírito contraventor e experimental que explora, desde unha atalaia crítica e, en ocasións, irónica e humorística, unha realidade omnipresente nas nosas vidas como é o da publicidade. Todo obxectivado e moldeado a través da creación poética como se evidencia por exemplo nestes versos: “Chámome publicidade, / pero eu tamén quero decidir / o teu propio destino”. Alén disto, tamén se acrecenta aquí unha reflexión sobre o papel que a publicidade desempeña no noso día a día sen ocultar a intención, por veces tan disfrazada, de convencernos das bondades do produto que sexa.

Fran Alonso advírtenos desde o comezo deste volume que os seus poemas se inspiran na linguaxe publicitaria e nun heteroxéneo corpus fotográfico que o propio autor veu compilando desde o ano 2016 e que resulta un elemento nuclear para explicar a razón de ser deste libro de deseño suxestivo. Ao mesmo tempo, estas páxinas acollen, en clave dialóxica, outras voces que se asocian, por diversas causas, á devandita linguaxe como as de Amado Carballo, Safo, Kavafis, Yeats ou Pessoa entre outros, alén do uso de códigos QR para incorporar anuncios que se constrúen desde a poesía.

O libro estrutúrase a través de cinco partes que percorren distintas dimensións da publicidade, isto é, cal é a súa presenza nos espazos comerciais, como se asenta a apropiación tolerada e progresiva que realiza dos espazos públicos, as claves daquela que recibimos de maneira personalizada a través da rede ou aqueloutra que non repara en enganar para acadar o seu obxectivo para abordar, finalmente, a que nos rodea e está en nós sen apenas decatarnos.

Unha realidade magmática, actual e cotiá na que se cuestionan as dimensións ou os límites, se os hai, dunha sociedade gobernada polo consumo, tantas veces gratuíto e innecesario, ademais de analizar, desde a poesía, o porqué de tantos estímulos dos que somos obxecto da mañá á noite.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, sección “Ex umbra in solem“, o 14 de novembro de 2025.