Irene Solà
Deiche ollos e miraches as tebras (tradución María Alonso Seisdedos)
Faktoría K de Libros, Pontevedra, 200 páxinas, 17 €, 2023
Chego a esta novela de Irene Solà a través da brillante e traballada tradución de María Alonso Seisdedos: proposta que foi galardoada co premio Follas Novas do Libro Galego hai escasos meses ao mellor libro traducido en 2023.
Se brillante é a tradución á nosa lingua tamén o é, ao meu xuízo, a novela da escritora catalá que é quen de idear e plasmar unha construción orixinal tras beber en rigorosas fontes -confesadas no epílogo do libro- como son a cultura popular, a narración oral, a relixión, a mitoloxía, a antropoloxía, o folclore, a etnografía, o paisaxismo, a arquitectura ou a propia historia entre outras disciplinas. Bases operativas para crear con fortuna un relato tensado, unha novela-río que tamén é unha sorte de sinfonía dona en ocasións dun saibo épico, lendario e fortemente mitolóxico, se cadra de imposible clasificación. Nestas páxinas, a distorsión temporal -o tempo nesa casa chamada Mas Clavell, na montaña en que se sitúa e nas xentes que a poboan “fixera sempre o que lle petara”- é un feito que cómpre asumir pois é este factor que nos conduce, sen que nunca se poida prever o que ocorrerá, por un espazo maldito do que as protagonistas, coma se vivisen nunha gaiola, non poden abandonar. É aí onde se reflicten as violencias, o desprezo, o esquecemento que sofre unha estirpe de mulleres a atravesaren cinco momentos dun día no que velan unha delas que está nun definitivo transo de morte. Todas son a memoria fiel do pasado e nelas conflúe o presente e o futuro que se abrazan nunha espiral sen fin. É no punto central desa espiral onde se cuestionan as razóns que as conduciron a ser quen son, aínda en situacións que limitan o cómico e o tráxico, o real e o fabulado, a vida e a morte nun continuo atemporal que presenta unha especial querenza pola dualidade.
Elas son, claro é, os esteos dun mundo que exploran para amosar os lugares máis escuros da existencia; asinan pautos co demo de funestas e crueis consecuencias; déixanse levar polos seus desexos, aman, odian e ven máis aló do tanxible constituíndo un colectivo sedutor, unha estirpe fantasmal reconstruída con audacia na que todas son unha e unha son todas para debuxaren un imaxinario difícil de esquecer.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem” o 30 de agosto de 2024.
