Beatriz Maceda, que estes meses leva a cabo unha iniciativa plausible e esforzada nas redes como é a de difundir fragmentos literarios de Luísa Villalta, protagonista do Día das Letras Galegas deste ano, publicou non hai moito tempo unha novela baixo o título de Teranga en Edicións Xerais, palabra que en wolof, unha das linguas do Senegal, significa acollida ou hospitalidade.
Procurando novos títulos entre a literatura xuvenil máis recente, para tamén enriquecer a biblioteca escolar en breve, é esta unha proposta que conxecturo pode resultar de grande utilidade para o tratamento de asuntos que, por desgraza, non perden en absoluto actualidade como son o exercicio da solidariedade, a emigración e o respecto á diversidade cifrados, aínda que non só, nunha contorna académica. Teranga asómase, así pois, con axilidade narrativa, transparencia e verosimilitude -os personaxes exprésanse como un agarda que se expresen- á pluralidade lingüística e cultural como un factor que debe axudar a construír e a enriquecer a personalidade de cadaquén e a propia sociedade; nun contexto en que cómpre tamén, con naturalidade e a novela aposta por isto, derrubar as fronteiras de xénero e todas as fronteiras para o que a música, e tamén a propia palabra, xogan un papel decisivo.
