Non é algo novo, en absoluto. Antes ben, poida que o réxime de autoedición, ou libros acollidos a selos editoriais coñecidos que parten dun acordo no que o autor ou autora debe cumprir unhas condicións concretas diferentes das que imperan nas editoras comerciais, sexa unha realidade que xa veu para quedar desde hai algún tempo. Ás dificultades engadidas que ten o libro galego no que se refire á súa visibilización, cómpre aínda sumar -neste tipo de libros- a inexistencia dunha estratexia comercial polo que resultan difíciles de atopar nas librarías. Todo por xunto explica como estes libros padecen unha dobre invisibilidade, atópanse nunha terra de ninguén, malia o seu inequívoco interese en tantas ocasións. Ocúpanme aquí seis volumes desta estirpe postos en circulación non hai moito tempo.

CATRO PROPOSTAS POÉTICAS

Sofía Muñiz (Cambados, 1995) ofrece en A autorización do centro da palabra (Medulia) o seu primeiro, e suxestivo, libro poético que, ademais, foi merecente do premio de Poesía O Facho 2025: unha reflexión sobre o poder de sedución da palabra articulado como un percorrido a través de diversos ciclos onde se manifestan a dor, a liberación, as transformacións e a propia morte.

Yolanda López, autora de dez libros poéticos e dúas plaquettes, ofrece nunha versión bilingüe titulada O ring. El ring (Olé Libros), prologada por Mila Villanueva, dezasete poemas-asaltos e un desempate final  para auto-recoñecerse no exercicio poético e mirarlle cara á cara á soidade “no cuadrilátero doente da vida”. Versos resilientes acaroados ao expresionismo e á metáfora visionaria.

Suso Díaz Estévez, unha voz de longa traxectoria, sorpréndenos cun libro infrecuente: Haikuga. Lingua de versos (Biblioteca SDE). Velaquí unha proba da potencialidade creadora do autor: máis de mil oitocentas composicións abeiradas á forma de haiku -expresión poética recreada con inequívoca fortuna polo autor- que publicou dixitalmente ao longo de cinco anos. Estruturados por semanas, conmemoran asemade datas, persoas ou acontecementos relevantes.

O faiado das papoulas (Verme) é unha proposta poética da activista e escritora cuntense Baia Fernández de la Torre, que se acompaña por ilustracións da artista gráfica Paula Pereira Carreiro (Cavalinho do Demo). Editada requintadamente, a voz da poeta diríxenos a un faiado simbólico, un espazo desde o que se rescata a memoria para proxectala no presente e, así, cicatrizar as feridas que o tempo vai deixando e non só as persoais senón tamén aqueloutras de  índole colectiva.

DOUS ENSAIOS

Non é este A construción da nación desde o realismo político (Libros Lorref, prologado por Xavier Campos) o primeiro libro de Manuel López Foxo, nin ha ser o derradeiro. A súa escrita ben merece ser destacada como a dun fino analista político do noso presente, con pulso propio e que defende, con argumentos e abrazando o pasado co presente e mais o futuro, a necesidade de nos gobernar por nós mesmos e apostar por unha  verdadeira transformación en clave de país.

En ocasións, os libros editados por institucións, non corren mellor sorte. Talvez sexa este o caso dun libriño titulado O conto de tradición oral, da profesora Camiño Noia Campos, publicado nunha atractiva colección titulada “Esenciais” que promove a Universidade de Vigo. O volume achégase, a través de sete capítulos, á historia e á caracterización do conto popular de tradición oral. Unha análise rigorosa, solvente e documentada que fai mirar todo este patrimonio desde outra perspectiva.

Este artig publicouse, nas páxinas de Cultura de La Voz de Galicia, o 8 de febreiro de 2026.