Gabriel Rei-Doval
Cartas de Marco Polo e outros relatos
Embora, 112 páxinas, 15 €, 2024
Coñezo a Gabriel Rei-Doval hai máis de tres décadas, parece mentira pero así é. Para redactar unha recensión mesmo sería desexable non coñecer, nin tratar, á persoa responsable da publicación mais non é este o caso e, realmente, tanto me ten. É curioso porque en todo este tempo, talvez estea errado, pero só tiven ocasión de cruzarme fugazmente con el nunha ocasión e non lembro onde nin cando. Talvez pese de máis o feito de non atopar liñas de confluencia pois as súas valiosas investigacións se desenvolven no ámbito da lingüística e nacen desde a distancia pois el, mugardés de nación, é desde hai tempo profesor na Universidade de Wisconsin-Milwaukee (EUA). Todo por xunto poida que estea na cerna de difíciles reencontros, aínda que estes fosen nada máis que para evocar un mes de xullo de 1989 onde un grupo de estudantes da USC desembarcabamos na Universidade Nova de Lisboa.
Dito isto, que probablemente para min era preciso mais perfectamente prescindible, só podo saudar con satisfacción esta compilación de ensaios, máis ou menos breves, que o autor titulou como Cartas de Marco Polo e outros relatos no que recolle un feixe de ensaios que, xustamente, se foron diseminando ao longo de tres décadas en diversas publicacións baixo unha intención divulgativa e reflexiva. Neles recóllense, así pois, textos de carácter descritivo, anoados en función da viaxe e a ansia de coñecemento e auto-coñecemento; outros hai inspirados na súa experiencia como profesor, quer nos EUA quer na Gran Bretaña, ata chegar aos derradeiros que se vinculan coa homenaxe tributada tanto a presenzas ou como a ausencias no eido familiar ou no das amizades: unha sorte de obituarios, honestos e emocionantes, extraídos do seu proxecto aínda inconcluso e en marcha baixo o título de Viaxes sen Lee que algún día agardamos ler.
Non é difícil advertir neste libro chiscadelas, se se quer, de grandes voces da nosa tradición como Otero e Risco, tanto no tratamento e estrutura dos relatos ou ensaios como, tamén hai que dicilo, na prosa sólida, ben construída e, se se me permite, eufónica que os envolve e ilumina.
Gustoume poder vivir este reencontro con Gabriel Rei-Doval: reencontro literario á espera doutros que poidan chegar no futuro. Beizón!
