Alberte Blanco Casal

A soidade do inquisidor

Xerais, Vigo, 384 páxinas, 19,50 €, 2024

Do escritor Alberte Blanco (Cobres-Vilaboa, 1951) era coñecido o seu destacado labor como ensaísta con contribucións sobre o estado do monte galego ou arredor do camiño de ferro de Zamora a Ourense. A este campo da investigación e interpretación crítica uniuse, non hai moito, o volume Xeopolítica, pandemia e postcapitalismo (2021). Mais o autor tamén cultivou o xénero narrativo como, alén doutro texto anterior, testemuña O Códice esmeralda (2017): un exercicio de ficción de fondo histórico onde cobra especial relevancia o acontecemento da batalla de Rande de 1702, pano de fondo de diversas intrigas acontecidas na época. É arestora cando Blanco volve percorrer, con A soidade do inquisidor, os ámbitos da novela histórica remontándose ao último terzo do século XVI cando o inquisidor Xoán de Freixedo, dono dun carácter conciliador, pescudará sobre algunhas prácticas sospeitosas que xermolaban nas terras de Monterrei. A aparición dos cadáveres dunhas mulleres novas outorgará un xiro á narración para adoptar unha orientación que virará cara á novela de investigación e posibilitará, asemade, a reconstrución dunha atmosfera na que alentan pegadas de certo paganismo vinculado con actos considerados heréticos, ademais de diversos conflitos relixiosos e doutrinarios nos tempos da Contrarreforma. Nese contexto, cobrarán protagonismo, como é natural, diversos frades do colexio dos Xesuítas, a poderosa condesa Inés de Velasco ou o astuto inquisidor do Santo Oficio Diego de la Cantera, entre outros personaxes, definidos sempre con solidez e singularidade.

Ao meu ver, exhíbese aquí unha habilidade indubidable para afondar con éxito na confluencia entre a novela de contexto histórico e unha trama de investigación que esixe unha resolución satisfactoria que se conduce nestas páxinas de maneira pouco previsible. Con pasaxes gobernadas pola plasticidade, é esta unha novela de fasquía clásica, escrita con corrección e mesmo engadiría que cun plus estilístico pouco frecuente como amosa o idiolecto que manexan estes personaxes que poboan coa precisa verosimilitude as terras de Monterrei doutro tempo: un espazo que ben merecía estar presente na nosa tradición cunha proposta coma esta.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem“, de La Voz de Galicia, o 11 de outubro de 2024.