Galardoado na segunda edición do Premio Anisia Miranda de teatro para a infancia que organiza a Fundación Xosé Neira Vilas, chega da man de Edicións Embora este Medo me dá! escrito por Ramón D. Veiga, unha voz constante e prolífica no ámbito da creación literaria infantil (e non só) nos últimos anos.
Veiga gárdalle fidelidade aos motivos e trazos particulares da súa escrita anterior adaptándose, loxicamente, á linguaxe teatral. Velaí as abondosas doses de humor, a recreación do inesperado ou sorprendente, certa tonalidade próxima ao non-sense e unha clara intención de subverter as visións máis clásicas de personaxes coñecidos da literatura infantil universal, alén de abrazar -cando se pode- os fíos da nosa tradición cultural de maneira que nesta ocasión a desenvolvemento da trama xira arredor de cinco personaxes -un vampiro, un lobishome, unha momia, unha bruxa e unha pantasma- que se preparan para a celebración do Samaín.
Unha proposta suxestiva e que, finalmente, sería moi desexable vela representada.
