
Celebro con esta entrada a conclusión dun proxecto que mantiven nas redes: fundamentalmente en X e Facebook e, en menor medida, Instagram pero as dificultades para incorporar documentos fixo que a presenza da serie neste rede social fose menor.
Todo comezou o 27 de decembro de 2022 e remata a día de hoxe, 12 de novembro de 2023, pois a cifra de 365 entradas era o obxectivo a conseguir. Ao longo dun ano intenso -realmente máis do que sospeitaba- usei os cancelos #FernándezdelRiego2023 e #FernándezdelRiego para recoller noticias de actualidade, edicións e reedicións dos seus libros, presentacións, conferencias, roteiros, actos institucionais, académicos ou de calquera índole que se celebraron na súa honra. Ao mesmo tempo quixen que esta fose unha plataforma para incorporar -brevemente- a pegada que don Paco deixou tanto en persoas que non nos acompañan xa pero que o deixaron por escrito como noutras contemporáneas a nós e que atenderon a miña petición con xenerosidade e esforzo pois sempre é un desafío reducir a uns escasos caracteres o que Fernández del Riego supuxo para moitas que persoas que o coñecemos. Grazas!
Asemade, non quixen deixar a oportunidade para que o proxecto se convertese nun espello da súa polifacecia de maneira que se poden atopar numerosas referencias ao seu labor político e xornalístico -con especial atención ao que desenvolveu na época da República-, revisouse a súa oceánica achega bibliográfica, sumáronse bastantes entrevistas que concedeu, antologáronse textos, atendeuse á recepción da súa obra e precisáronse -creo- algúns datos que contribuíron a iluminar o seu perfil biográfico.
Poñer o ramo, desde a perspectiva persoal, a un ano así é difícil pois de certo que aínda quedan cousas que contar. Dun ou doutro xeito, se con este proxecto persoal contribuín modestamente a manter a atención para o protagonista das Letras 2023 máis alá do mes de maio doume por moi satisfeito.
Grazas ás persoas que seguiron a serie e que me alentaron a continuar. E grazas Don Paco, claro.