Escribía onte sobre unha tradución publicada en Irmás Cartoné e, tras salientar o enfoque desta editorial cara á tradución, asociei para min esta especialidade coa atención que igualmente lle presta un selo máis xeneralista como é Laiovento, onde xa resulta felizmente recorrente atopar traducións de carácter moi diverso.

Entre estas últimas saliento, de maneira moi breve e con intención informativa, unha delas como é o título De porteiro xoguei eu, de Pedro Lenz, con tradución, posfacio e notas a cargo de Laureano Araujo. Alén do interese que pode suscitar a novela desde o punto de vista temático que xira arredor do mundo da droga nunha vila Suíza nos anos oitenta do século XX, tal e como nos informa o tradutor -velaquí un artigo deste último sobre os idiomas de Suíza e esta mesma novela- nun interesante e informativo epílogo onde se deseña a situación lingüística de Suíza e a relación con esta obra, está escrita orixinalmente no alemán bernés faldo na Alta Argovia e probablemente sexa a primeira tradución dunha obra dialectal da Suíza alemánica traducida na Península Ibérica.

A novela gozou dunha versión cinematográfica estreada en 2014 e foi galardoada no Premio do Cinema Suízo entre outros, alén de ser exhibida no Festival de Locarno. Conclúo cun breve vídeo onde se ve o autor lendo as primeiras liñas da novela en galego.