Arto Paasilinna

Delicioso suicidio en grupo (tradución de Tuula Ahola e Tomás G. Ahola)

Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 21 €, 2023

Dicía Vicente Risco nun ensaio, aludindo a unha sentenza popular, que ao fin morrer hai que morrer polo que sempre é bo relativizalo todo, isto é, entender a morte como unha fase máis da propia vida. Talvez sexa esta a postura que se adopta nunha novela singular como é Delicioso suicidio en grupo que afonda, por extensión, nun asunto de grande importancia nunha sociedade como é a finlandesa cunha taxa de suicidios moi elevada.

Arto Paasilinna (1942-2018) a quen podemos ler por fortuna en lingua galega na editorial Rinoceronte, que posibilitou a publicación de títulos como O ano da lebre, O muiñeiro ouveador e O bosque dos raposos aforcados (este tamén en formato de novela gráfica), constrúe neste libro, vertido ao galego por Tuula Ahola e Tomás G. Ahola, unha proposta narrativa inspirada nunha postura se se quere irreverente e chea de sarcasmo, exenta de prexuízos e ocorrente, para ollar desde outra perspectiva un motivo tan pouco propicio ás brincadeiras como é o suicidio respecto do que opera co distanciamento que lle ofrece a incorporación dun humor negro que actúa como contrapeso para o verdadeiro drama sobre o que escribe como é querer abandonar a vida voluntariamente.

O asunto, tratado en diversas páxinas da nosa prosa por Dieste, Castelao ou Otero; por Casares ou Ferrín; por An Alfaya ou Berta Dávila entre outras voces, adquire aquí  unha tonalidade por veces delirante ou un chisco inverosímil desde as instancias iniciais cando un empresario arruinado e en crise como é Onni Rellonen e mais un coronel do exército, Hermanni Kemkppainen cadran no mesmo sitio onde querían suicidarse. Con todo, un cede a complicidade precisa e admite que renuncien a facelo, que cultiven a amizade e que se unan nun propósito curioso como é o de axudar a quen pasa -ou pasaba- por unhas  circunstancias semellantes á deles, ideando así unha viaxe insólita. Curiosamente, conforme se avanza na novela faise manifesta a intención de Paasilinna de convencernos de que, no fondo e malia os ferrados de soidade e incomunicación que hai que cada unha das personaxes que poboan este libro, hai razóns para seguir cultivando a esperanza no que a vida pode depararnos, isto é, dálle forma á idea da vida como celebración no que resulta unha extraordinaria reviravolta final.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 15 de decembro de 2023, na sección Ex umbra in solem.