Manuel Luís Acuña

Fírgoas

Xerais, Vigo, 90 páxinas, edición non venal.

Permitiráseme que nesta recensión, distinta por non atender á perentoria actualidade literaria, faga referencia á relevancia que na historia da literatura galega ten o poeta trivés Manuel Luís Acuña e Fírgoas, o seu único libro publicado en vida. Asento esta decisión sobre dous acontecementos actuais: o primeiro é o centenario da chamada xeración de 1925, isto é, ese grupo de voces de vangarda, matizada ou non, que o musicólogo Bal y Gay designou como tal; un ronsel extraordinario -talvez nunca mellor dito- que brilla de seu e que se alimenta da obra de Manuel Antonio, Luís Amado Carballo e Álvaro Cunqueiro; do Dieste dramaturgo e narrador e, tamén, de Acuña, a quen evocaremos hoxe no Liceo de Ourense porque transcorreron cincuenta anos do seu pasamento. Neste acto apoiado pola Sección de Literatura da Real Academia Galega participaremos algunhas persoas que traballamos para reclamar a vixencia e exemplaridade dunha voz que é tamén a dun mestre republicano represaliado.

Fírgoas é unha ecuación cuxa marabillosa incógnita se resolve ao mirar cal foi o tempo de esperanzas en que xerminou e que xa nunca máis volveu, como asumiu Acuña pois nunca máis quixo ampliar, matizar, mesmo renovar, unha estética marcada pola inspiración renovadora de mans dadas co popularismo. Como outras voces do seu tempo, coa particularidade de que a súa vida se estendeu ata 1975, deixou un único libro e nel concentrábase, concéntrase, todo o que quixo revelar para quen desexase descubrilo a xeito de epifanía. De feito, este foi un volume que gozou  de certa fortuna editorial pois á edición orixinal de 1933 na editorial Nós, sumouse unha edición póstuma no ano 1979, con só algúns poemas máis; outra anotada nos anos noventa e, alén desta facsimilar que traio aquí e que tiven a fortuna de prologar, foi tamén incluído no proxecto 120 de La Voz de Galicia.

O xornalista Ramón Luís Acuña afirmaba que a figura do seu pai atesouraba esa rara, por infrecuente, capacidade de actuar como un resorte, isto é, coma se fose un aglutinante cultural. O tempo confirmou esta apreciación e antes, como agora, seguimos a participar con convicción nesta causa que tanto queremos e nos identifica.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem”, o 12 de setembro de 2025.