Nathanael West

A señorita Corazóns Solitarios (tradución de Ignacio Chao)

Hugin e Munin, Santiago, 124 páxinas, 15 €, 2025

Animoume a abordar a lectura desta novela un apuntamento tirado da información que a editorial ofrece na contracuberta. Reprodúcese así o xuízo da escritora Flannery O’Connor que apuntaba a que esta era a mellor novela moderna, canda En canto agonizo, de William Faulkner. West estaba xa, por certo, na nosa lingua con O día da lagosta, traducido por Carlos Valdés en Irmás Cartoné.

A señorita Corazóns Solitarios, traída ao galego con excelencia por Ignacio Chao, interesoume, abofé que si, mais talvez se sitúe a certa distancia do que significou e significa co paso do tempo o libro amentado de Faulkner e toda a súa obra. West non recibiu os recoñecementos deste último e, ademais, a súa morte prematura -con tan só 40 anos xunto coa súa esposa, Eileen McKenney, ilustradora para Disney- nun accidente de tráfico cando se dirixían ao enterro de Scott Fitzgerald -compañeiro de xeración e amigo- truncou o legado dunha obra máis ampla.

Dun ou doutro xeito, teño para min que esta é unha proposta que en absoluto se pode considerar como exenta de interese: céntrase na figura dun xornalista que, co pseudónimo que lle dá título á novela, responde nun xornal a unha sorte de consultorio sentimental moi semellante ao que protagonizou na radio do franquismo, ata o ano 1984, a figura de Elena Francis. Deste xeito, coas miserias dos demais e, ao tempo, co seu propio percorrido persoal, é quen de erixir unha crítica a un mundo decadente, dalgún xeito desolado e individualista, onde tras procurar algún tipo de luz vai atopala, non sei se ironicamente pero cunha carga un tanto cómica, na redención que ofrece o cristianismo para as almas pecadoras, isto é, na redención que salvará as almas das persoas que lle escriben.

Polo medio, nunha atmosfera que raia o esperpento en ocasións pero sen dúbida transparente e realista e onde está aínda recente a crise económica do 29, o protagonista -por veces cínico e miserento, por veces sarcástico e tantas veces frustrado- enceréllase en diversos e tráxicos intentos de relacións sentimentais; dubida sobre a efectividade, desprezo ou inutilidade do seu traballo ou reproduce parladoiros de pub que son operativos para valorar a consideración que se tiña da muller naquela altura na sociedade norteamericana: unha sociedade que apunta ao infantilismo (véxanse os títulos dos capítulos que convida a esa lectura), á insolidariedade e, tantas veces á hipocrisía. Velaí como o poeta e crítico literario W. H. Auden falaba da “enfermidade de West” para se referir ao ser humano desorientado e perdido nunha sociedade carente de valores. Paga moito a pena West e esa ollada lúcida que proxecta sobre a sociedade do seu tempo.