Este vindeiro 29 de agosto cumprirase o centenario do falecemento de Johán Vicente Viqueira. Descoñezo se algunha institución organizará no que queda de ano, como sería de xustiza, algún recordatorio de quen foi ilustre pedagogo, filósofo, psicólogo e escritor, alén do formar parte das Irmandades da Fala. Dun ou doutro xeito cómpre consignar a oportuna aparición do volume Johán Vicente Viqueira / João Vicente Biqueira (1924-2024). Poemas e ensaios nunha edición a cargo de António Gil Hernández en Através Editora.

Ofrécense nestas páxinas, así pois, unha ampla selección de textos de Viqueira comentados polo editor que aborda así, nunha publicación necesaria, os seus textos líricos e os seus ensaios, os traballos que levou a cabo como psicólogo e filósofo, as relacións que mantivo co krausismo e a Institución Libre de Enseñanza ou a súa vinculación con pensadores coetáneos entre outros aspectos. Un completo e documentado ensaio, insisto, oportunamente editado este ano.