Sonia Villapol
ConSciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia
Xerais, Vigo, 272 páxinas, 19,50 €, 2023
A doutora Sonia Villapol, neurocientífica especializada en tratamentos para danos cerebrais, que exerceu a docencia na Universidade Georgetown e que na actualidade é xefa de laboratorio do Centro Médico de Texas, natural da Pastoriza, por certo, converteuse durante a pandemia nunha voz que era garantía de rigor e que, ademais, contaxiaba sosego e tino en diversos medios e foros sobre o impacto que causaba a Covid-19 e como afectaba ás nosas vidas. A súa traxectoria profesional fixo dela unha voz autorizada que someteu a pandemia á razón científica cunha inescusable vontade divulgativa. Boa parte daquelas reflexións e outras actualizadas son as que se encerran en ConSciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia: un achegamento que aborda todas as pandemias e que resulta operativo para suxerir reflexións de indubidable valor, por só citar dous casos, para analizar a chamada covid persistente ou as consecuencias que esta ten na saúde mental, subliñando por extensión a relevancia que, con xustiza, cómpre outorgarlle á investigación científica en todo este proceso, sen ignorar a relevancia das historias singulares de persoas ou colectivos que axudaron a superar a inicial irreversibilidade da doenza.
O volume, que articula un feliz e rendible punto de encontro entre o preciso manexo de conceptos científicos e a necesidade de chegar a un público amplo, é quen de familiarizarnos con naturalidade coa orixe e a evolución da pandemia tanto aos leigos neste asunto como a aqueloutras persoas que gozaron dunha maior proximidade á problemática derivada da Covid-19 —os gráficos e bibliografía así o testemuñan—, suxerindo posibles estratexias de actuación para o futuro sen esquecer o cultivo dun necesario espírito crítico relacionado con iniciativas —algunhas delas delirantes— que se enfocaron en aparencia a combater o virus ou que apuntan, nos nosos días, á aplicación de medidas sanitarias manifestamente mellorables. Unha achega que, ao meu ver, non debería pasar desapercibida.
Esta recensión publicouse nas páxinas de Cultura, de La Voz de Galicia, o 24 de xullo de 2023.
