Sabe ben Carme Varela, tamén as persoas que pasan por esta bitácora, que a súa anterior peza dramática –As desterradas– supuxo para min unha verdadeira descuberta e foi un pracer lela, escribir sobre ela e recomendala a quen puiden.

Arestora, co pano de fondo dun mosteiro, de maneira secundaria pero importante, chego a este Faise o escuro tras diversas reviravoltas e con moito retraso, pero chego. A peza foi galardoada na Selic de 2022, na modalidade de teatro naturalmente e, sen coñecer outros títulos premiados noutras edicións, paréceme unha proposta sólida que, ademais, abrangue un conxunto de temáticas de interese duradeiro e, se se quer, de inequívoca proxección reivindicativa. Faise o escuro fala basicamente das diversas dimensións que pode acadar a violencia e de como, ás veces sen decatarse, xorde devagar o “escuro” e vai asentándose nas nosas vidas de maneira que non somos quen de ver o abismo que hai detrás del. Ese “escuro” que aniña en sitios impensables mais que desata a destrución por onde queira que pasa.

No medio e medio desas relacións, cun final verdadeiramente inesperado e que nos conduce ás posibles consecuencias do abuso e do maltrato psicolóxico e físico ao percorrer os sentimentos que se xeran entre os diversos personaxes -ollo á personaxe dunha traballadora do ámbito teatral que non é quen de ver o evidente- déitase tamén unha ollada sobre un parque eólico cuxa instalación se beneficia pola indeferenza, ou por mirar cara a outro lado, das persoas que deberían garantir procesos administrativos limpos e imparciais.

Carme Varela é, paréceme, unha das voces do teatro contemporáneo máis suxestivas: de asuntos históricos a outros contemporáneos móvese con habilidade e talento. Agardamos máis achegas.