Ana Varela

Runrún

Galaxia, Vigo, 12 páxinas, 16,40 €, 2024

Souben, hai uns anos, de Ana Varela a través da publicación de Onde nacen as hedras, que fora premio Gonzalo López Abente na súa sexta convocatoria e que revelaba unha voz propia con interesantes perspectivas sobre un abano de asuntos sobre os que non pasa o tempo e se amosan como tanxibles e de actualidade.

Velaquí agora o seu debut como novelista con Runrún, publicado na Editorial Galaxia: unha estrea que non se pode deixar de saudar con satisfacción. Varela desenvolve, en vinte breves e áxiles fragmentos que avanzan de xeito imprevisible e que nos conducen a algún que outro xiro inesperado, unha historia de filiación realista na que o ruído xordo, o zunzún, o funguido que persevera na cabeza da protagonista vai converterse no aviso dunha historia onde a saúde mental, e as súas estremas, articulan unha historia familiar de dúas irmás e non só. Unha historia que é de ida e volta e que nos fai pensar, reflexionar se se quer, na existencia de muros, que na realidade son delgados gumes, que nos poden afastar dos espazos de seguridade ou confort ou, ás veces, aproximarnos a eles.

Conflúen nestas páxinas outros focos temáticos que se acaroan ou perfilan o central como son os coidados, a dependencia emocional, a precariedade do mundo laboral, as residencias supostamente centradas na sanación das enfermidades mentais, os prexuízos, as relacións tóxicas, a deshumanización da sanidade pública: todo co pano de fondo do Ferrol de hai algúns anos e, sobre todo, co universo dos afectos pairando continuamente nunha moi recomendable novela que revela, moi esperanzadoramente, unha nova narradora nas nosas letras.