Alberto Mancebo

O que me quedaba por dicirche

Xerais, Vigo, 136 páxinas, 17,95 €, 2023

Debuta o xornalista Alberto Mancebo, de longa traxectoria nos servizos informativos da TVG, no campo da narrativa galega coa súa novela O que me quedaba por dicirche. O exercicio de ficción, conciso e de lectura áxil, recrea en aparencia unha sinxela historia de caste familiar e memorialista. Abraza, así pois, unha perspectiva en primeira persoa, salferida con numerosos saltos no tempo, para deseñar a biografía dun protagonista chamado Xoán: enxeñeiro informático de profesión, aínda na fronteira dos trinta anos e beneficiado por un atractivo físico que, en teoría, moito lle podería facilitar a vida e as relacións sentimentais. Con todo, o abandono da figura paterna sendo novo convértese nunha sorte de estigma perenne no que semella residir a clave de comportamentos posteriores. Ao se independizar comeza unha relación cunha persoa chamada Paula que, na metade do libro, protagoniza un capítulo no que relata a súa experiencia nun Erasmus en Italia: período en que todo se torce para ela ao caer nunha seria depresión tras un episodio de violencia machista. Paula poderá superar a experiencia, o que derivará no contaxio, só provisorio, á súa parella de certo equilibrio emocional.

Alén de elementos que configuran ou deseñan a contorna familiar como son o devandito desapego do pai da familia, a tolerancia da nai con esta situación, os negocios familiares centrados na exportación e venda de tecidos, o falecemento dos avós e certas historias familiares agochadas, sen esquecer o deseño sólido dun perfil distinto das súas irmás, Marta e Esperanza, importantes tamén para o desenvolvemento da trama, chegamos á resolución dun conflito que se deriva cara ás patoloxías dos problemas relacionados coa saúde mental e como estes converten todo o que se pisa en areas movedizas.

Cómpre saudar a estrea narrativa de Alberto Mancebo: unha nova voz que manexa con precisión os ritmos narrativos, adopta un rexistro lingüístico áxil e idea unha estrutura acaída que sostén, sen que nada resulte previsible, unha trama que pon o foco con efectividade en como pode chegar unha persoa, calquera persoa, a esboroarse e como sempre é difícil acadar o que chaman equilibrio emocional e sentimental.

Este artigo viu a luz nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, sección “Ex umbra in solem” o 15 de setembro de 2023.