Claire Keegan

Cousas pequenas coma estas (tradución de Isaac Xubín)

Rodolfo e Priscila, Santiago, 86 páxinas, 18 euros, 2024

Chego a este Cousas pequenas coma estas, da escritora irlandesa Claire Keegan, en tradución impecable de Isaac Xubín, un tanto casualmente, grazas á recomendación dunha persoa de quen valoro os seus xuízos e opinións literarias. Á marxe dos galardóns obtidos por esta pequena peza narrativa, que se foi premiada recorrentemente é de supor que algúns méritos atesourará, sorprendeume por dúas razóns básicas: por unha banda a sutileza e o requintado da súa prosa, que serpea con elegancia coma se estivese pedindo permiso para contar pero que ao tempo o fai con trazo firme; por outra, o feito de que o período que acolle os acontecementos que cobran corpo aquí se sitúen no inverno de 1985, isto é, en termos históricos tan lonxe mais ao tempo tan preto, cando menos para a persoa que isto escribe e sobre todo porque a  novela se constrúe, se cadra sen pretendelo, cunha sorte de auréola dickesoniana -de feito cítase o célebre Conto de Nadal no propio libro- ao abordar un argumento de non ficción transmutado en ficción.

Velaí como a trama, nunha segunda parte da novela, adquire un fondo de carácter social ao internarse  no ámbito dos abusos cometidos en Irlanda nas chamadas Lavandarías das Madalenas: un sistema de asilos, subvencionados polo goberno irlandés, que dirixían monxas católicas e onde se forzaba ás mulleres, moitas delas nais solteiras, a realizaren traballos físicos duros sen remunerar, alén de cometerse neses espazos outros atropelos doados de intuír. Con todo, malia converterse este factor no eco prioritario que permanece de calquera lectura cómpre engadir que todo se conxuga cunha narrativa de pulso descritivo, realista se se quer,  e de fondo psicolóxico onde a voz dun fillo de solteira chamado Bill Furlong, propietario dun almacén de leña e carbón -si, en 1985-, é quen nos conduce tralo deseño da súa vida para abocarnos a aquelas encrucilladas onde se fai preciso tomar unha decisión que, sen dúbida, traerá consecuencias. É nun instante cando xorde o mellor da condición humana e, se cadra, o éxito da novela poida radicar na apelación a unha toma de postura para recordarnos a relevancia que arrastra a coraxe nas decisións e a conciencia e os valores éticos.

Esta recensión pubicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem”, o 13 de decembro de 2024.