Xosé de Cea

O que estou a dicir cando digo “Altri non”

Laiovento, Compostela, 96 páxinas, 14,95 €, 2025

Resulta probablemente unha obriga moral, diante do intento de converter un territorio único como é o da Ulloa nunha fábrica de celulosa, referirme a este oportuno ensaio de Xosé de Cea, a quen sigo con atención, e desde hai tempo, nas súas diversas achegas literarias.

Este O que estou a dicir cando digo “Altri non” é un libro necesario, documentado, creado desde as instancias do coñecemento e do espírito crítico e que contribúe, de maneira destacada, ao desvelamento das motivacións que están detrás da pretendida implantación da empresa multinacional portuguesa Altri e a galega Greenalia no corazón da nosa terra e que tería, por moito que o neguen, efectos claramente catrastróficos desde o punto de vista ambiental, social e mesmo cultural. Pero, alén disto, está xa no propio título do ensaio o desexo de que este texto -que sae da feliz conxunción entre o corazón abeirado ás causas xustas e a interpretación crítica dos argumentos cos que se queren defender a instalación da empresa- é unha proposta que, particularmente, resultou moi do meu gusto porque alude, cando é preciso, á memoria persoal mais tamén á memoria literaria e cultural do noso pasado, convertendo -por exemplo- o volume colectivo Terra de Melide (1933), e a voz de Otero Pedrayo e outras, no obxecto vizoso de diálogo coa nosa tradición e co coñecemento de nós mesmos desde nós mesmos, mais tamén cun corpus filosófico e xornalístico de indubidable valía.

Porque non se pode lexitimar, desde ningún punto de vista, unha explotación dos nosos recursos naturais para acabaren transformados en beneficios para o peto das multinacionais, é este un libro que, particularmente, agradezo na súa xusta medida, que é moita, porque se sitúa nunha causa que abrazamos, como non podía ser doutra maneira. Por dignidade.