Xosé de Cea

Coímbra

Galaxia, Vigo, 182 páxinas, 17,60 €, 2023

Lin, e comentei oportunamente se a memoria non me falla, bastantes das propostas narrativas e poéticas de Xosé de Cea, sempre con crecente interese e atención. Non podía, daquela, deixar pasar a oportunidade de achegarme ao que é a súa primeira entrega para un público adulto baixo o título de Coímbra, peza que foi finalista do XXXII Premio de Narrativa Torrente Ballester en lingua galega convocado pola Deputación da Coruña en 2020.
Se ben é certo que a nota editorial que a anuncia fai unha referencia inicial ao xénero novelesco tamén se sinala, creo que máis propiedade, que nestas páxinas latexa un ritmo que abraza o eido da non ficción, abeirándose a ese modelo que se deu en chamar narrativa de formación ou aprendizaxe, para deste xeito recuperar e facer das experiencias e vivencias materia narrativa, isto é, para reconstruír un territorio biográfico que vai, nesta ocasión, desde a infancia do autor ata a adolescencia.
Territorio biográfico, si; mais condicionado en gran medida polo espazo en que se desenvolve que non é outro que o barrio barcelonés de Coímbra, onde esperta ao mundo un neno na década dos anos setenta. É aí nese contexto onde, con ironía, Xosé de Cea desanoa o nobelo da memoria, cunha minuciosidade por momentos case prodixiosa e moita sinceridade, ao que cómpre engadir que o fai con excelencia e indubidable axilidade narrativa.
Ao atravesar unha fase vital axitada e á busca continua do propio espazo como é a adolescencia resulta difícil non empatizar co protagonista, se ben tamén se elabora aquí, por extensión, unha reflexión de corte xeracional que, dalgún xeito, resulta operativa para falar da migración, da relevancia que a descuberta da lectura atesoura para o futuro, da diáspora xarnega, das claves dunha formación educativa que bebía unicamente da disciplina e da obediencia ou do desarraigamento que xera o sentimento de (des)pertenza a un lugar, sen esquecer conceptos clave que serpean aquí e acolá como a liberdade, a identidade e a outredade.
Coímbra fala do interior do autor mais tamén do que ocorre por fóra del, de maneira que ofrece unha ollada diferente que transita por temáticas diversas, ningunha delas exenta de interese.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 4 de agosto de 2023.