Francisco Coimbra
Unha saca de patacas
Xerais, Vigo, 136 páxinas, 18,50 €, 2023
No ano 2016 Francisco Coimbra publicou unha novela titulada Crónica córnica que me pareceu unha proposta de carácter coral suxestiva, distinta, redactada cun pulso firme e que proxectaba unha inequívoca interpretación simbólica no que atinxe aos dereitos lingüísticos, afondando no conflito entre o córnico e o inglés. Nela resultaba doado advertir unha querenza manifesta pola estética dun autor como foi a de José Saramago, patente tanto no uso dunha voz narradora singular como por unha mensaxe de fondo que facía pensar en como as utopías poden, quen sabe a razón, deixar de ser imaxinarias e converterse en reais nun determinado momento.
Tamén nestas páxinas que agora ven a luz baixo o título de Unha saca de patacas a lingua é un elemento de forte cohesión, depositaria e transmisora dunha singular e profunda identidade. Esta adquire corpo agora nun argumento asentado na vivencia da emigración galega en particular que, neste caso, se instala nun contorno lusófono como é Macau: territorio de contrastes a cabalo entre o colonialismo, o comunismo e o capitalismo máis voraz como testemuña a presenza de casinos e hoteis de luxo, con personaxes que traballan duramente para sobrevivir e outros que se instalan no puro divertimento.
Articulada por volta de dous bloques denominados xornadas recóllense, en liñas xerais, unha serie de acontecementos que arrincan dun malentendido ou equívoco: un quid pro quo que se beneficia do feito de que en Macau as patacas son a moeda de uso cotián e a protagonista leva, desde Galicia, unha saca de tubérculos para agasallar unha sobriña, o que provocará un remuíño de sucesos que rematarán nun final moi coppoliano.
Alén disto, na novela navega o humor retranqueiro, moita documentación inserida sen que se noten as costuras e incorpora, afortunadamente, parlamentos en galego dialectal e en portugués de Macau, O Brasil ou Mozambique que subliñan a importancia que se lle outorga á lusofonía e á fe depositada nunha visión internacional da lingua galega que, desde a riqueza que implica a diversidade lingüística, ademais de ser operativa para se comunicar no lugar do mundo que sexa, contribúe a romper fronteiras entre persoas de moi distintas procedencias. Non é pouco.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem“, de La Voz de Galicia, o 6 de outubro de 2023.
