Antón Riveiro Coello
Hotel Carioca
Galaxia, Vigo, 594 páxinas, 26 €, 2023
Que Antón Riveiro Coello é un dos narradores máis brillantes entre nós e que exhibe un ricaz e suxestivo percorrido creativo é, a meu entender, unha afirmación que está fóra de toda dúbida. Neste ronsel sitúase, desde hai poucas semanas, Hotel Carioca: proposta que foi galardoada na primeira edición do Premio Álvaro Cunqueiro de Novela 2022.
Riveiro outórgalle a este novela, de grande alento e probablemente unha das máis persoais do autor pois parecen desvelarse experiencias e vivencias propias sometidas á peneira da ficción, unha arquitectura que consegue que vaiamos, aos poucos, internándonos nesa visión panorámica, case panóptica, que facilita a revelación dosificada de varias sub-tramas que se enguedellan felizmente, entre as que saliento unha, realmente varias, de filiación literaria que soluciona como era de esperar con efectividade. Coma se fosen varias novelas en unha, e de feito así ao atoparmos ecos da novela psicolóxica, de formación ou mesmo policial, circula nestas páxinas sempre unha voz narradora que reflexiona sobre a aceptación da diferenza, sobre a homosexualidade tamén, grazas ao deseño duns personaxes solidamente construídos nas súas virtudes e nos seus defectos. Dío ás claras esa voz narrativa nunha sempre difícil segunda persoa: “A aceptación, a maldita aceptación que agora se cravou no centro do teu cerebro e parece estar a condicionar todas as cousas que te rodean”.
En efecto, ese fondo, esa obsesión paira en toda a novela nun abano temporal que abrangue dos anos oitenta ata hoxe e outro espacial que nos sitúa quer en Galicia quer en Brasil. Estes eixes sosteñen unha proposta que se interna en conflitos de xinea familiar, si, mais ao mesmo tempo proxectan a súa sombra de desacougos, silencios e incógnitas a quenquera que se achega a ela. As consecuencias das mentiras, a emigración, os coidados, o dereito á diferenza, a presión social, as ausencias que provocan as perdas, a eutanasia ou a capacidade da fabulación e da propia ficción para crear mundos que semellan inverosímiles pero que non o son resultan, igualmente, esteos afortunados que constrúen unha novela redonda dun autor dono dun extraordinario oficio.
Este textou publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem“, o 22 de setembro de 2023.
