Bernardo Atxaga

Exteriores do paraíso (tradución de Isaac Xubín)

Kalandraka, Pontevedra, 164 páxinas, 17 €, 2023

A min sempre me gustou a palabra paradiso. Recóllese en, cando menos, dez dicionarios históricos, pero razóns hai —claro é— para a escolla da normativa paraíso. Nunha das acepcións nas que se rexistra, a do Dicionario enciclopédico de Eladio Rodríguez, apunta que este é un lugar «amenísimo»: non alcanzo a entender ben as razóns do uso do superlativo, mais non atopo mellor adxectivo para definir este libro curioso, heterodoxo e fronteirizo.

Ameno e divertido, ao tempo que propón outras vías de interpretaciónExteriores do paraíso explora, conscientemente, camiños diversos para a creación literaria e ofrece unha proposta híbrida onde o humor se erixe como un dos grandes esteos —se cadra a carón de certo ton melancólico, case saudoso— sobre o que se constrúe unha entrega que harmoniza, con excelencia e resultados óptimos, ficción, crónica de viaxes e experiencias, poesía e multitude de historias que percorren as curvas, para min asociacións discursivas marabillosas, polas que a mente do autor afirma perderse.

Atxaga serpea, así pois, polos camiños da ironía e a subversión desde o título desta entrega pois, a meu entender, é evidente que a interpretación do paraíso que latexa nestas historias vai alén da acepción máis ortodoxa e tradicional. O paraíso que reflicte non está exento de problemas aos que enfrontarse; non suxire unha vida pracenteira e feliz; antes ben o paraíso é a vida cotiá, con momentos mellores e outros peores, cando menos a dun escritor coma el que recrea unha experiencia concreta como o percorrido que realizou polo Périgord francés no seo dun proxecto para realizar lecturas en varias prisións. Velaí o poder da palabra de Atxaga que converte en material literario estas vivencias, transmitindo todo o que sente como inaccesible en cárceres de presos comúns de Mauzac, Neuvic sur l’Isle, o «chateau» de Neuvic sur l’Isle ou no penal donostiarra de Martutene.

Aborda, coma é norma en Atxaga, asuntos nos que resulta, se cadra, prioritaria a atención outorgada á música que repousa nas linguaxes que empregamos en contextos diferentes. Talvez por iso un gusta tanto da súa prosa, da súa poesía, do seu humor e desa singular actitude diante do que conta.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem“, de La Voz de Galicia, o 20 de outubro de 2023.