Xesús Alonso Montero e Xosé Neira Vilas
Correspondencia 1965-2014
Galaxia, Vigo, 774 páxinas, 35 €, 2025
En pouco menos dun mes, o 27 de novembro deste ano, cumprirase o décimo cabodano de Xosé Neira Vilas. Este libro que viu a luz o pasado mes de abril, non podía ser doutra maneira, será presentado nesa data na Fundación que leva o nome do escritor en Gres.
Para un, que milita na causa da admiración da produción literaria do autor de Memorias dun neno labrego, e tamén na de Xesús Alonso Montero, é motivo de alegría que sigan a publicarse pezas inéditas e reedicións da obra de Neira que considero unha das maneiras máis felices de evocalo, de manter aceso o facho da súa obra e de proxectalo no presente.
Esta Correspondencia 1965-2014 incorpora un corpus integrado por un total de 269 cartas, intercambiadas por Alonso Montero (que edita un total de 54) e Neira Vilas, que asina o resto delas. No ronsel dos epistolarios deste último con Celso Emilio Ferreiro, Fernández del Riego, Díaz Pardo e Manuel María entre outros, teño para min que este volume que agora nos ocupa vai máis alá dunha dimensión estritamente literaria, sociolóxica e erudita. Nunhas e noutras cartas desvélanse datos que posibilitan calibrar a magnitude das dúas figuras literarias pois as dúas ocupan, por dereito propio, un espazo central no ámbito da cultura galega.
Velaí como nelas se amosa o papel de Alonso Montero a exercer de fío de unión entre Neira Vilas, Galicia e o mundo editorial daqueles tempos. Non é menor ao meu ver, nesta relación de confianza e amizade, o perfil político de Alonso Montero como militante do Partido Comunista, que serviu para alentar a proximidade que latexa nestas cartas, sobre todo aquelas que Neira Vilas escribiu na Habana ata 1992 desde as instancias do proceso da revolución cubana e do seu compromiso con ela, xunto con Anisia Miranda. Liñas que reconstrúen e transmiten con inequívoca claridade a súa personalidade política.
Páxinas reveladoras, non teño dúbida, entre as que non debo esquecer as que se nos agasallan no amplo prólogo de Xesús Alonso Montero que introduce, contextualiza e adianta interpretacións fundamentais que translocen, por extensión, o alcance e a relevancia deste tan necesario epistolario.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, na sección “Ex umbra in solem”, de La Voz de Galicia, o 31 de outubro de 2025.
