Teño para min que nunca me ocupei, na xa dilatada vida deste blog, e aínda que fose de maneira telegráfica, de tres libros dunha mesma creadora que coinciden, por diversas circunstancias, nun prazo breve de tempo. E isto ocorre coa profesora e escritora Rosalía Fernández Rial, o que dá conta da súa extraordinaria capacidade de traballo e, quen o dubida, da proxección e singularidade do seu talento creativo.
Dun xeito breve salientamos estas tres publicacións e facémolo primeiramente co seu De centeo e durmideiras, publicado en edición bilingüe galego-castelán polo selo cuatro lunas. Prologado por Yolanda Castaño, quen fala do “centrífugo fulgor” deste libro-illa, é este un traballo pragado de matices, intenso e vizoso; cruzado polo lume, a terra, o vento e o mar. Demanda unha lectura en voz alta que impulsa inequivocamente un ronsel de emocións. Nun dos poemas sinálase que “somos o sismo / que vos conmove / fóra de campo”. Precisamente con este título, Fóra de campo, chega das mans de Galaxia o Premio Roberto Vidal Bolaño 2024 publicado na colección Costa Oeste e do que o xurado salientou, no seu momento, “a súa temática acaída ao premio porque trata o perigo das redes sociais e o poder que exercen na creación da identidade da mocidade. Destacan tamén valores como a sororidade e a detección precoz do acoso”.
Por último, en Galaxia aparece igualmente o título Mover ficha. Proposta didáctica para as aulas de linguas e literatura: un volume para abrazar “a revolución dos afectos” desde as instancias da docencia e da propia experiencia da autora. Un libro-espello, talvez, que permite ver o que hai ao outro lado, asomarse a novas iniciativas para seguir a aprender sempre polos vieiros do optimismo e a esperanza. Non é pouca cousa.