Paula Mayor

Rosalía oculta

Galaxia, Vigo, 124 páxinas, 22 €, 2025

Lin con atención este Rosalía oculta, que fora Premio Castelao de Banda Deseñada 2023 convocado pola Deputación da Coruña.

Achegarse á súa figura, e concretamente a través dunha visión biográfica, e facelo a través do xénero de banda deseñada, coido que é xa un mérito que debería suscitar interese xa non só nas persoas afeccionadas ao xénero senón e tamén nos ámbitos docentes pola súa virtualidade como eficaz e valiosa ferramenta didáctica.

Paula Mayor, responsable tanto do texto como da lectura gráfica, ofrece un traballo marcado por unha exhaustiva documentación previa tanto no que se refire a aqueles textos biográficos que existen da autora de Follas Novas como á escolla de numeroso material literario da propia autora, extraído da súa obra en galego como daquela que escribiu en castelán, e que resulta extraordinariamente operativo para iluminar algúns dos seus socalcos biográficos. Así pois, latexa nestas páxinas unha interpretación da súa figura que nos resulta máis humana e vital e que, ao mesmo tempo, non ignora subliñar nin as dificultades que Rosalía sufriu por ser escritora nun contexto literario patriarcal, nin o seu pensamento proto-feminista, nin a súa visión sobre a sociedade contemporánea e a Galicia do seu tempo, nin tampouco o papel polémico de Murguía na súa vida entre outros elementos que, sen dúbida, van compoñendo un mosaico que recomendo coñecer.