Lin estes días atrás, malia aparecer xa en 2023, a novela galardoada no XVI Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil que recaeu no título A tribo do mar, do escritor lucense Lois Pérez, de quen había tempo non gozara da ocasión de me achegar á súa produción narrativa e poética última.
Dun ou doutro xeito esta é unha novela á que estaba obrigado achegarme pois ao se ambientar en boa parte en Burela, destino profesional meu hai moitos anos, o espazo e a atmosfera que debería deseñarse nela xogaban para min como un elemento atractivo. E non me arrepinto, en absoluto, de achegarme a esta historia, saudades fóra, que asina Lois Pérez. Nela, como en boa parte era de agardar, ponse o foco no asunto da emigración desde varios puntos de vista con personaxes sólidos e sen esquecer o que esta realidade ten de traxedia, mesmo incluíndo un significativo e efectivo contraste cargado de frivolidade. Todo isto posibilita que se vaian revelando outros elementos claves como son a dimensión dos conceptos da amizade e a honestidade; a invisibilidade e a soidade; o exercicio da solidariedade; a práctica do deporte como recurso para a superación persoal; as consecuencias da traizón e a importancia da resilencia, etc., sempre grazas ao emprego de diferentes voces e dun propósito que me parece moi consciente como é o de ofrecer un discurso literario coidado mais, ao mesmo tempo, áxil e fluído.
Alén do dito, a novela conta cunha proposta didáctica de inescusable utilidade para traballar con ela no ámbito docente arredor dun asunto que encerra tanta actualidade, malia que para unha sociedade coma a nosa -algo que tantas veces se esquece- sempre estivo aí, mesmo historicamente.
