Susana Rodríguez Barcia e Bosco Gil de Gárate
Cantos do mar
Morgante, Cangas do Morrazo, 356 páxinas, 29 €, 2024
Viu a luz hai unhas semanas un libro que non debería pasar, en absoluto, inadvertido. É máis: a meu entender supón unha verdadeira alfaia pola súa orixinalidade e por desvelar un aspecto da literatura de tradición oral ben pouco coñecida ou tratada entre nós.
Velaquí como Cantos do mar se articula como un volume susceptible de abordarse desde diferentes perspectivas. En primeiro lugar estaría a de ofrecer un traballo pioneiro como é o da investigación arredor dos cantos do mar ou celeumas, como ben se explica nunha introdución que marabilla pola pulsión estilística propia que atesoura e que recomendo vivamente pois supón un percorrido sintetizado pola presenza deste tipos de canto en diversos libros da literatura universal e da literatura galega. Ademais de iluminar este camiño coas devanditas referencias repárase na explicación filolóxica do termo celeuma, case ausente nos dicionarios galegos, e do inglés shanty que se emprega nesta ámbito con profusión.
Fóra destes elementos tamén nas páxinas limiares hai ocasión para abordar a conexión destes cantos da tradición anglosaxoa coa cultura galega, os distintos modelos de celeumas e unha reflexión acaída sobre esoutra parte que nuclea o volume como é a de incorporar un total de 60 cantos acompañados da partitura do retrouso, da versión orixinal e da súa tradución ao galego, alén dun código QR a través do que se poden escoitar eses cantos escollidos, e mais un breve pero celmoso e documentadísimo texto previo, onde se explica a tipoloxía, a temática ou a historia de cada unha das cancións.
Parabéns aos seus responsables -Susana Rodríguez Barcia e Bosco Gil de Gárate- e á editora -Morgante- que incorpora este valioso ensaio ao seu catálogo.
