Jo Witek
Teño 14 anos e non é unha boa nova (tradución de Antía Veres)
Kalandraka, Pontevedra, 144 páxinas, 18 €, 2023
No capítulo final deste volume Efi, protagonista da historia que relata, sinala que o inferno que atravesou -alicerce temático da peza- é a súa “loita do presente”. Velaí como, tal é o grao de verosimilitude do asunto recreado, calquera estaría convencido de que na vida real este ente de ficción, ou non, se dedica a compartir, para denunciar as estremecedoras vivencias que experimentou en carne propia e que sofren, igualmente, doce millóns de nenas no mundo sometidas a un matrimonio que non conta co seu consentimento.
En efecto, Teño 14 anos e non é unha boa nova, de Jo Witek -xornalista, actriz e narradora francesa-, gañadora do premio Babelio 2021, traída ao galego por Antía Veres e que conta con ilustracións de Jimena Estíbaliz, pon o foco a través dunha narración en primeira persoa nesa tráxica e monstruosa realidade que son os matrimonios acordados: outro tipo de submisión forzada das mulleres aos homes, aínda vixente arestora en diversos países do mundo.
A historia recreada, transmitida con axilidade e transparencia, sitúase nun espazo indeterminado que pode ser calquera e xoga, irónica e subversivamente, con elementos de transmisión oral tradicional. Cóntanola Efi, en representación de milleiros de nenas que se poderían chamar así, e que vén de cumprir catorce anos: por esa sinxela razón xa está nunha idade núbil e axiña o seu futuro será acordado polos seus pais. Obrígaselle, así pois, a abandonar uns estudos que aproveitaba con excelencia, a quebrar os seus plans de futuro, a esquecer dun día para outro cousas tan cotiás como pasear coas súas amigas, poder ler un libro ou simplemente ter soños de futuro. A infancia e a adolescencia desaparecen dun día para outro e convértese, practicamente sen ser consciente, nunha fonte de pracer para un descoñecido.
Un texto impactante, abofé, cheo de matices e que non esquece os afectos que a vítima sente pola súa propia familia. Unha proposta de calidade que é, ao mesmo tempo, unha invitación explícita á reflexión sobre os matrimonios forzados e que reitera a consideración do corpo, e máis dunha nena, como un espazo ou territorio sobre o que ningunha tradición, por ancestral que sexa, pode exercer dereito ningún, moito menos se se asocia co exercicio da violencia física e psicolóxica.
Esta recensión, baixo o título de “Efi: epítome da infancia interrompida“, publicouse na sección “Ex umbra in solem” do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 19 de xaneiro de 2024.
