Marilar Aleixandre
Castelao segundo Rañolas
Galaxia, Vigo, 114 páxinas, 14,50 €, 2025
Confesáralle, nun acto recente, á autora deste libro que descoñecía a edición que realizara a editorial Galaxia, en 2000, deste volume na histórica colección “Árbore”. Cousas que pasan. Dalgún xeito quixen reparar o descoñecemento e fíxeno, agora si, nesta edición especial que ve a luz por mor do Ano Castelao e, na realidade, este Castelao segundo Rañolas cumpriu todas as miñas expectativas.
Marilar Aleixandre aborda, así pois, unha biografía de Castelao pouco convencional, de interese para calquera persoa que queira acceder ao coñecemento dunha figura clave na nosa historia, ao incorporar un monllo de voces -personaxes de ficción creadas polo rianxeiro- que acoden ao chamado de contar diversos extremos da existencia de quen lles deu vida ao tempo que se deseña, alén dos socalcos biográficos do autor de Os dous de sempre e explorados ao meu ver con acerto, a atmosfera histórica, política e social que rodeou a súa vida, apoiándose ademais nun abondoso material documental e fotográfico.
Velaí, así pois, como Rañolas, Peito de Lobo, Pimpinela ou o esquelete de Un ollo de vidro van ir deixando, aquí e acolá, constancia da súa propia entidade como personaxes de ficción que coñecen ben ao seu creador. A estratexia adoptada suxire -no que entendo como un dos seus valores- achegarse ás obras das que estes personaxes proceden articulando unha fórmula, en fin, que irmanda o rigor nos datos coa fluidez narrativa, alén de ofrecer un retrato orixinal de Castelao, talvez un chisco máis vivo e mesmo emocionalmente sentímolo máis perto. De Castelao dise neste libro, e conclúo, que lles puxo “aos galegos uns ollos novos”. Non dubido que así foi.
