Eduard Altarriba

Que é a guerra (traducido por Moisés Barcia)

Sushi Books, Cangas do Morrazo, 40 páxinas, 12 €, 2024

Gustoume esta proposta publicada por Sushi Books do ilustrador e deseñador gráfico Eduard Altarriba. Un percorrido visual, en forma de álbum ilustrado, que aborda a práctica totalidade das dimensións que os conflitos bélicos proxectan desde o punto de vista histórico mais, principalmente, aplicado á nosa realidade e aos nosos tempos actuais: cales son as súas dinámicas, cales os factores que inteveñen nelas ou as súas nefastas consecuencias, aínda que non sempre na mesma medida para todos.

Cunha intencionalidade manifestamente didáctica -ao meu ver de grande utilidade para cursos de primaria e primeiros niveis de secundaria-, velaquí un poderoso traballo gráfico de mans dadas con textos explicativos marcados pola concisión, a claridade e por unha vontade pacifista que o converte este libro nunha ferramenta da que se lle pode, e talvez deba, tirar un gran partido: un paso máis para que vaiamos desposuíndo de valor a expresión latina Si vis pacem, para bellum.