Joe Sacco
Guerra en Gaza (tradución de Clara Barcia González)
Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 36 páxinas, 10 €, 2025
Cheguei a Joe Sacco hai algúns anos grazas a unha tradución de Rinoceronte que moito ten que ver con este Guerra en Gaza. Tratábase do libro Palestina que no seu día me deixara moi impactado e que retrataba cruamente a violencia e o sufrimento desde o lado das vítimas, fóra de reclamar unha maior atención para este conflito.
Agora ve a luz esta proposta en galego na mesma editorial en tradución de Clara Barcia. Escrito hai máis dun ano e publicado orixinalmente por entregas na páxina web do Comics Journal, compila un conxunto de cómics e ilustracións que afondan, desde unha visión crítica e onde non se agocha incorporar ás veces un inequívoco humor negro, na dinámica que acelerou o xenocidio que sofre Palestina coa aquiescencia do presidente Joe Biden.
Hai pouca ficción, por non dicir ningunha, nesta Guerra en Gaza. Antes ben hai moita reflexión, moita indignación e por extensión solidariedade coa causa palestina. Páxinas que evidencian e fan máis transparente a realidade dun conflito que provocou xa milleiros de persoas mortas e que debería constituír unha lectura obrigatoria para as persoas interesadas no tema, que deberiamos ser todas, e tamén nos centros públicos de ensino, polo menos da man do profesorado comprometido cos valores de informar e formar sobre un acontecemento histórico que a humanidade tardará en esquecer se é que algún día se detén este exterminio.
