Irène Némirovsky

Domingo e outras historias (tradución de Rocío Vieitez Ferro)

Laiovento, Santiago, 342 páxinas, 24,95 €, 2024

Cádrame no tempo, non sei se por casualidade ou arrastrado por outras lecturas dunha autora para min fascinante, unha tradución dun monllo de relatos de Irène Némirovsky, que chegan ao galego desde o francés grazas ao traballo de Rocío Vieitez baixo o título de Domingo e outras historias.

Trátase dun conxunto de historias -algunhas cun corpo realmente apreciable que fai pensar nelas como verdadeiras novelas- que a autora publicou en diversas revistas e xornais franceses entre 1934 e 1942 (os últimos baixo pseudónimo) e que resultan difíciles de ler sen reparar na data de publicación tendo en conta a realidade da ocupación nazi de Francia. Ocupación que acabaría coa propia autora logo de ser deportada a un campo de concentración no seu país de adopción -nacera en Ucraína- e, máis tarde, en Auschwitz.

Asumindo un tratamento realmente excelente no que se refire ao perfil psicolóxico dos seus personaxes, aos que lles concede a oportunidade de definirse nas súas complexidades malia se tratar de relatos, Némirovsky móvese con sutileza por un amplo abano de posibilidades temáticas (velaí a soidade, as relacións persoais, o paso do tempo ou o amor como algunhas delas), mais tamén cunha visión extraordinariamente moderna en canto ao papel da muller. Non é a súa unha prosa combativa en primeira instancia: éo na súa inmanencia, nese esvarar por escenas da vida cotiá atenta a detalles que poderían pasar desapercibidos, nesa ollada analítica que deixa as desigualdades sociais á vista e nesa capacidade de evidenciar as abismais diferenzas de xénero, na frustración que xeran as expectativas nunca cumpridas ou a submisión á que se ven sometidas as mulleres en moitas das situacións que as convencións sociais arrastran.

O profesor Daniel Asorey inclúe un suxestivo prólogo nesta edición onde se aventura a sinalar dous elementos que, ao seu parecer, outorgan unidade a estes relatos que serían o desexo por unha banda e a idea do desacougo por outra. Coincido plenamente nesa, acertada, interpretación como elementos que poden contribuír a definir a estética que domina estes contos cuxa lectura, evidentemente, recomendo.