Esteban Folgar Brea

Meigas

Galaxia, Vigo, 172 páxinas, 14,65 €, 2023

Alén da numerosa narrativa de filiación oral que abraza a temática das bruxas e que, dalgún xeito, pasou tamén ao longo do século XIX e parte do XX á literatura galega nas súas diversas formulacións -lémbrese a meiga chuchona da que falaba Rosalía de Castro, que tamén citaba Vicente Risco no seu Galamandalfa-, éme difícil non evocar as páxinas que sobre este mundo escribiron Cunqueiro, Casares, Méndez Ferrín, Begoña Caamaño ou, no ámbito da nosa literatura para as persoas máis novas, obras de Gloria Sánchez, Andrea Barreira, Xosé Miranda…, ronsel ao que se vén unir arestora Esteban Folgar Brea co que constitúe a súa primeira novela: Meigas.

Esteban Folgar fainos lembrar, nalgunha medida, unha das grandes propostas do xénero como é As bruxas, do escritor galés Roald Dahl, texto que incorporaba unha trama se se quer clásica inspirada, por un lado, no rol das bruxas malvadas e, por outro, nunha historia de corte fantástico máis contemporánea. En efecto, Meigas é un libro que sitúa un amplo conxunto de bruxas nun tempo actual que comeza coa celebración dunha convención en Trives: encontro que tamén resulta operativo para a incorporación de novas compoñentes nese grupo de persoas distribuídas por Galicia enteira dedicadas a facer o ben, sandar e solucionar conflitos cando se lles formula a necesidade de actuar, alén de seguiren coas súas diversas vidas cotiás. Entre elas salienta a voz de Xiana, a verdadeira protagonista da novela, presentada como unha adolescente, neta dunha meiga, que nos vai revelando tanto a dinámica das diferentes probas que debe pasar para pertencer ao grupo como as claves doutro vector argumental, se se quer de índole máis fantástica,  na que se verá involucrada para descubrir e anular os poderes dun diaño invocado por un espiritista alleo ás nosas tradicións.

Folgar constrúe un texto ben documentado, sabe gañar a complicidade desde as primeiras páxinas e revela unha capacidade descritiva moi aceptable, alén dun acaído dominio dos diálogos. Se cadra unha menor minuciosidade na vontade de deixar pechados todos os fíos argumentais axudaría a que Meigas, unha aceptable novela, gañase unha maior axilidade narrativa.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem”, o 27 de outubro de 2023.