Adrián Estévez Iglesias
Manuel de Castro, Hándicap. Crónica dunha paixón
Editorial Galaxia, Vigo, 148 páxinas, 13,90 €, 2023
Estrea a editorial Galaxia unha novela colección baixo o epígrafe de “O noso deporte” que promete achegas suxestivas ao ámbito da divulgación e coñecemento de diversas figuras do noso deporte. Faino, oportunamente, cunha detallada biografía de Manuel de Castro a cargo de Adrián Estévez: investigador, filólogo, corrector lingüístico e padroeiro da Fundación Otero Pedrayo.
Sei ben da meticulosidade e rigor que aplica Estévez aos seus traballos e ocupacións polo que este, que é o seu primeiro libro publicado, non podía ocultar estas virtudes. En Manuel de Castro, Hándicap. Crónica dunha paixón ofrece un preciso repaso biográfico -reparando en na súa extracción social, na composición e orixes da súa familia e, igualmente, no seu pensamento político- de quen foi un verdadeiro todoterreo no ámbito do deporte: xogador de fútbol, célebre xornalista , cronista de diversas olimpíadas, presidente da Federacións Galegas de Fútbol e Atletismo, árbitro, dirixente federativo, animador de eventos relacionados co ciclismo profesional ou adestrador das seleccións galega e española de fútbol; sen esquecer que xogou un papel relevante na construción do estadio de Balaídos nin tampouco que foi responsable da fusión do Vigo Sporting e o Fortuna de Vigo, xunto con Juan Baliño e Pepe Bar, que cristalizou na creación, en agosto de 1923, do Real Club Celta, denominación escollida finalmente entre outras tres como foron “Breogán”, “Club Olímpico” e “Club Galicia”.
Este volume aínda é algo máis pois polas súas páxinas, informadas con acerto e profusión, alén de contaren cun abondoso corpus fotográfico e documental, descríbese boa parte do traballo xornalístico de Manuel de Castro -con moi atinadas observacións sobre o estilo que se cultivaba na época nas crónicas deportivas- e deséñanse, socioloxicamente, as claves da atmosfera que acompañou os primeiros pasos do deporte futbolístico en Vigo e Galicia -xeralmente da man de clases acomodadas- e as dinámicas da prensa deportiva da época.
Desde a publicación deste libro xa se pode acceder con garantías ao coñecemento dunha figura esencial para o deporte vigués e galego, presente na cidade olívica nunha rúa, nun busto e nun galardón deportivo anual que, merecidamente, levan o seu nome.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 26 de maio de 2023.
