Stefano Mancuso

A incrible viaxe das plantas (tradución de Moisés Barcia)

Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 140 páxinas, 17 €, 2023

“Para as plantas, aranceis, fronteiras e barreiras son, por sorte, conceptos carentes de sentido”. Isto afirma Stefano Mancuso neste modélico e brillante ensaio divulgativo que chega á lingua galega grazas a tradución de Moisés Barcia e que se achega ao universo das plantas desde unha perspectiva científica que, nesta ocasión, non está rifada en absoluto co emprego dunha tonalidade accesible mesturada, en ocasións, con relampos irónicos e próximos, se se quere, ao humorístico.

        Mancuso, unhas das autoridades mundiais no ámbito da neurobioloxía vexetal e profesor titular na Universidade de Florencia, ofrece argumentos irrefutables que apuntan ao descoñecemento que existe respecto do mundo das plantas. E neste libro é quen de explicar, con paixón, como estas posúen capacidades ignoradas nos máis dos casos como o de poderse organizar socialmente, comunicar entre si e mesmo gozaren da posibilidade de desprazarse, aludindo á potencialidade que posúen como organismos “sésiles” ao longo das súas vidas.

        O ensaísta revela con datos e probas empíricas como as plantas deben ser consideradas seres vivos fascinantes que son quen colonizar territorios ermos, de viaxar no tempo, de resistir os efectos da bomba atómica como testemuña a marabillosa a historia dos hibakujumoku, árbores que resistiron aquel terrible acontecemento, e outras que igualmente superaron o estoupido nuclear de Chernóbil, sen esquecer a capacidade de adaptación ás necesidades de diversas épocas históricas que as caracteriza para proseguir a súa vida.

Mágoa non contar nesta edición con ilustracións que iluminarían tantas e tantas historias, algunhas incribles e contadas con excelencia como as sementes que poden percorrer distancias enormes grazas ao vento e aos paxaros; outras que permanecen agochadas no permafrost da zona siberiana e mesmo aqueloutras esquecidas nuns sobres que, dun xeito sorprendente, poden chegar a xerminar, e non deixa de ser igualmente suxestivo aquel capítulo que se ocupa dos dodos e o tambalacoque da illa Mauricio. Un libro moi recomendable para ser conscientes da importancia que teñen as plantas, e que deben seguir a ter, no noso mundo e no noso tempo.

Esta recensión publicouse o 16 de xuño de 2023 nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia.