Roberto Fernández Álvarez
A inmoral doutora Cons
Aira, Allariz, 368 páxinas, 21,90 €, 2023
Roberto Fernández debuta felizmente no ámbito da narrativa cunha novela que vén avalada pola concesión do Premio Blanco Amor na convocatoria do ano pasado. Chantadino de orixe e médico de profesión, xa obtivera hai pouco tempo o premio Vicente Risco de Ciencias Sociais co ensaio Enfermos pobres, médicos tristes e, nesta novela, ofrece unha sorte de antropoloxía novelesca das doenzas na Galicia rural dos anos cincuenta a través da memoria oral dunha testemuña, o Golpe, que se forma, aconsella ás veces e asiste, sendo neno, a unha médica acabada de chegar ao territorio de Pazos de Arenteiro (Boborás): a doutora Cons.
En Roberto Fernández, como narrador, conflúen diversos factores que converten a súa proposta nun dos libros publicados nos últimos meses que máis convén ter en conta. A verosimilitude que se lle esixe a un retrato social hermético e político dunha época conséguese cunha brillantez inequívoca ao explorar con solidez, meticulosidade e coñecemento un argumento que xira arredor das dificultades que se lle impoñen para exercitar a medicina rural á doutora Cons. Fiel sempre aos seus principios, guiada pola convicción de superar vellos e persistentes hábitos da Medicina tradicional, intenta modernizar con valentía o seu traballo diante de colegas de profesión mais tamén de moitos doentes nun contexto marcado pola miseria moral como se pode advertir nos parágrafos finais de moitos capítulos onde se incorpora o relatorio das denuncias que se amorean contra ela. Son tempos nos que a violencia é algo tanxible; tempos en que inflúe a educación, ou a súa inexistencia, o patriarcado -que consideraba a intromisión dunha muller nestas prácticas como unha afronta- e, en xeral, as dificultades que nacían nunha atmosfera escura e chea de prexuízos onde apenas brilla unha luz derivada da relación singular cun personaxe de relevancia no lugar. Alén diso, e cun peso non menor na valoración desta proposta, cómpre se referir ao manexo dun rexistro lingüístico que, como manifestaba un profesor meu, exhibe un galego que sabe a pan acabado de enfornar, sen esquecer a solidez na configuración de tantos personaxes que circulan, nun balanceo continuo, no gume entre a vida e a morte.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas o 18 de agosto de 2023.
