Raquel Miragaia
Diário Comboio
Através Editora, Santiago, 104 páxinas, 14 €, 2025
Ao final dos anos oitenta a estación ferroviaria da Escravitude era ben coñecida polas persoas que viaxabamos a Compostela. En ocasións o tren detíñase alí, sempre devagar, por razóns para min descoñecidas aínda hoxe. É de supor que por un cambio de vías ou algo así. Lembro, iso si, que nunca vin subir e baixar ninguén naquela plataforma, case sempre deserta. Tras moitos anos onte souben que unha tal Berta chegou de Santiago á Escravitude para ficar.
Noutro salto no tempo, diría que a literatura ofrece sempre unha segunda oportunidade. Isto é o que me ocorreu a min coa lectura deste Diário Comboio de Raquel Miragaia, que a comezos dos anos dous mil editara Laiovento co apoio de AGAL. É ben posíbel que conserve o libro na miña biblioteca mais, lamentabelmente, non o lera naquel momento. É agora -por iso o da segunda oportunidade- cando Através decide tirar unha segunda edición, nesta ocasión prologada con brillantez por Bernardo Penabade ao tempor que mantén as magníficas fotografías de Luz Castro.
E sinto non ler naquel momento este Diário comboio. Para min supuxo o encontro e a descuberta dunha magnífica entrega narrativa, desas polas que non pasa o tempo ou se pasa é para mellorala. Hai neste libro, que non sei se entendelo como unha colección de relatos ou unha novela, ou ambas as cousas pois no fondo tanto ten, unha sutileza e unha sensibilidade na temática abrazada bastante infrecuente. Velaquí a historia de Berta, así pois, que chega á Escravitude fuxindo dunha relación sentimental ou de si mesma, para integrarse neste territorio peculiar onde resulta inevitábel non destacar a fondura psicolóxica da que se revisten os personaxes que poboan este universo, todos eles coas súas traxedias particulares ao lombo, e ademais expostos cunha innovación formal que atinxe ás perspectivas narrativas e que resulta de agradecer.
Alén de ter a sensación de que todas as palabras desta proposta están no seu xusto lugar non teño outra cousa que convidar á súa lectura.
