María Villamarín

Diario de dúas casas

Euseino?, Vigo, 130 páxinas, 18 €, 2023

No mes de xuño recibín un exemplar, cortesía da editorial viguesa Euseino?, da primeira edición dun libro dunha autora novel como é a limiá María Villamarín. Alégrame saber que, pasados uns meses, o volume gozou xa de dúas reimpresións máis como evidencia de que o título suscita un inequívoco interese. Acollido na colección Rúa do Lagarto, dirixida pola escritora Berta Dávila e que xa incorporara nesta serie un dos libros máis brillantes entre os publicados nos últimos anos como foi Ninguén queda, de Brais Lamela, Diario de dúas casas articúlase como unha suxestiva carta de presentación dunha escritora dona dunha voz propia, algo que non sempre é doado e que, ao meu ver, cómpre subliñar.

          A obra resulta un tanto inclasificable pois hibrida, loxicamente, trazos dun diario  -reescrito ou revisitado se cadra, talvez soamente un recurso ficcional pero para os efectos tanto ten- entretecido ou fusionado coa visión descarnada dun presente golpeado pola precariedade no mundo  laboral e pola inestabilidade no emocional, a exhibir moitas máis interrogantes que certezas. Nesa dicotomía, na construción dunha dualidade recorrente que percorre a proposta, ocupa un papel relevante a existencia de dous mundos, de dúas casas, de dous territorios habitados, se se quer, de maneira distinta mais sempre necesarios pois son eles os que estimulan a propia escrita.

          De Compostela á Limia, e viceversa, agroma unha voz que alude ás distancias e aos afectos, á familia e ás amizades, aos bos e malos momentos que ofrece a vida, con especial incidencia no papel poderoso que se lle concede aos espazos naturais, tantas veces deseñados cunha sensibilidade que roza o poético e que se afinca no poder visual como, por exemplo, o fragmento -porque este é un libro de fragmentos ou teselas que constrúen un mosaico preñado de memoria e sensacións- no que a protagonista é alertada para facerlle fotografías ás cegoñas que procuran alimento nas chairas limiás ou aqueloutro no que confesa como é quen de espiar a claridade.

          Hai moita literatura, en especial do xénero de diarios, circulando nestas páxinas, moito cine e moita vida coas súas contradicións porque, no fondo, disto tamén nos fala este diario.         

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección Ex umbra in solem, o 17 de novembro de 2023.